Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Mércores 30.07.2014  | Actualizado 13.41

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

POR NAVEGAR AO DESVÍO

Indecencia, malgasto e galegofobia

CARLOS CALLÓN   | 14.06.2010 
A- A+

190.000 libros de texto gratuítos para as familias, adquiridos polo goberno bipartito, van ir parar ao lixo, a pesar de teren unha vida útil de dous anos máis. Así o recoñece a propia Consellaría de Educación aos medios de comunicación que se fixeron eco da noticia. O motivo? Eses manuais están en galego e refírense a materias científico-técnicas cuxa docencia no noso idioma quere prohibir o goberno Feijóo a través do decretazo 79/2010.

Cómpre que a sociedade o saiba. Temos que movernos por riba das mordazas mediáticas do PP para que se coñeza que o presidente da Xunta ordena deitar ao caldeiro do lixo todos estes manuais, cuxo valor económico a Asociación Galega de Editores estima en 3,8 millóns de euros. Todos estes libros de texto non son substituídos porque houbese algunha descuberta excepcional neses ámbitos de coñecemento que os convertese en anticuados, nin porque houbese mudanzas no temario, nin porque tivesen erros pedagóxicos, nin por ningún outro motivo racional e comprensíbel. O único que lles acontece é que teñen un erro insubsanábel, un pecado orixinal: están escritos en galego, ese idioma que "por tradición" (Jesús Vázquez Abad dixit) non está feito para disciplinas como as matemáticas, a física, a química e a tecnoloxía.

Cultural e pedagoxicamente, é unha vergoña, pois supón darlle un mazazo ao proceso de recuperación e extensión social da nosa desfavorecida lingua. Mais nos aspectos político e económico, non podemos menos que falar de indecencia. Porque é indecente que, na situación actual desta grave crise económica, o presidente da Xunta obrigue as familias a adquiriren 190.000 libros de texto novos, cun desembolso monetario importantísimo.

Trascendeu nalgún medio de comunicación que o Goberno galego valorou facer unha moratoria para que, a pesar da prohibición de docencia na lingua de Galiza nalgunhas materias, cando menos se permitise a utilización de todos estes miles de libros de texto. No entanto, os grupos máis reaccionarios dentro do PP, os que teñen a capacidade decisoria a día de hoxe neste partido, concluíron que era fundamental deixar clara a mensaxe de que non se ía permitir nada de galego. Que así se tiran polo desaugadoiro 3,8 millóns de euros? Pois xa se sabe, esta Xunta non sabe nada do que significa a austeridade cando de atacar o noso idioma se trata.

Esta decisión é sintomática da forma de gobernar de Núñez Feijóo: propaganda sobre aforro da administración que despois non se corresponde coa realidade, discursos ampulosos sobre liberdade lingüística que se concretan en limitacións e prohibicións do galego, despreocupación polas economías familiares e comprensión polas grandes fortunas... Co que nos encontramos, en definitiva, é cun xestor pésimo que só é coñecido pola súa falaz propaganda da austeridade e polos seus ataques contra o galego.

Que a moderación no gasto por parte de Núñez Feijóo é pura mentira vese ben cando nos decatamos de que, en pouco máis dun ano, a Xunta malgasta un mínimo de 5 millóns de euros só en reducir o galego no ensino. Sumemos, se non, e para que ninguén acuse de engano nin manipulación, fagamos as contas tendo en conta só os datos oficiais (que, é curioso, son sempre as estimacións máis baixas).

Collamos, pois, a calculadora. A Xunta recoñeceu que nas próximas semanas vai presentar unha campaña para convencernos das bondades do decretazo contra o galego; o seu custo, segundo o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, é dun millón de euros (819.000 euros máis o IVE). O cambio das Galescolas a Galiñas Azuis, destruíndo o modelo pedagóxico en galego que fora eloxiado polo Consello de Europa, significou un desembolso das arcas públicas, segundo datos achegados pola Consellaría de Traballo e Benestar, de 40.000 euros. A pseudoconsulta trampeada que se formulou ás familias o ano pasado significou un gasto público de 160.995 euros, segundo indicou o secretario xeral de Política Lingüística (aínda que este dato ten moi pouca fiabilidade, é o oficial). A todo isto teriamos que agrecentarlle agora os 3,8 millóns de euros en libros de texto que irán para a cañeira, segundo a valoración da Asociación Galega de Editores. Seguro que faltan cousas por termos presentes, mais só con isto dá a cifra calafriante dos cinco millóns de euros. E só no referido a reducir a presenza do galego no ámbito educativo.

Mais sabe a cidadanía isto? Sabe que o presidente que realiza discursos inzados de chulería e prepotencia sobre "liberdade lingüística" e "austeridade" está a malgastar o diñeiro público en atacar o galego e en reducir os dereitos lingüísticos? Na nosa man está utilizarmos todas as ferramentas ao noso dispor para que se saiba.

Revolta das familias

Ademais desta indecencia económica cos libros de texto, o decretazo contra o galego -lembrémolo- non garante que un neno ou unha nena poida recibir ningún ensino en galego na etapa de infantil.

Desde a plataforma Queremos Galego chámase ás nais e pais a que se revolten contra esta situación. Que unha crianza non poida recibir ningún ensino na lingua propia até que faga os seis anos de idade é unha situación que non se produce en ningunha outra comunidade do Estado español e que leva o galego a unha situación preautonómica, alén de conculcar o dereito a un ensino igualitario e de calidade.

Por iso, desde Queremos Galego anímase a todas as nais, pais ou titoras e titores de nenas e nenos na etapa de educación infantil a que cubran un escrito ao respecto (que se pode descargar do web da plataforma: queremosgalego.org) e o remitan ao enderezo da entidade cívica: Queremos Galego, Rúa do Vilar, 15 - 1º dereita, 15705 Santiago de Compostela.

Desde Queremos Galego entregaranse todos os escritos no rexistro da Xunta, dirixidos ao conselleiro de Educación, e achegaranse tamén as copias correspondentes a cada centro de ensino á dirección do mesmo, para que teñan constancia.

Este documento está pensado para todas as familias que, falen galego ou castelán, desexen que o seu fillo ou a súa filla teña as garantías para unha educación en galego. Hai que subliñar isto porque o actual decreto non só dificulta que unha familia falante de galego poida ter ensino neste idioma para o seu fillo/a, senón que imposibilita que un neno dunha familia falante de castelán poida adquirir competencias comunicativas en galego.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS