Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 01.43
Remataba o outro día sinalando que o obxectivo dos plans de axuste que están a aprobar os gobernos neoliberais da Unión Europea non é outro que concentrar a riqueza nas mans da gran burguesía e incrementar as desigualdades sociais. Nese sentido, é un enorme erro pensar que o capitalismo pode xerar benestar social: o benestar social do que gozaron as sociedades europeas, a norteamericana e algunha outra nos últimos decenios, non o esquezamos, foi froito da fortaleza do movemento obreiro e unha conquista social das clases máis desfavorecidas.
A semana pasada, cando xa estaba traballando no meu artigo, Atilio Boron publicaba un artigo titulado Sepa lo que es el capitalismo (dispoñible en: http://www.rebelion.org/noticia.php?id=105848), no que resumía cos seguintes datos o que era o capitalismo: dunha poboación mundial de 6.800 millones de persoas, 1.020 millóns son desnutridas crónicas, 2.000 millóns non teñen acceso a medicamentos, 884 millóns non teñen acceso a auga potable, 924 millóns viven sen teito ou en vivendas precarias, 1.600 millóns non teñen electricidade, 2.500 millóns viven en rúas ou barrios sen sumidoiros, 774 millóns de persoas adultas son analfabetas, 18 millóns de mortes anuais causadas pola pobreza, a maioría de menores de 5 años, 218 millóns de nenos, entre 5 e 17 anos, traballan amiúdo en condicións de escravitude e en tarefas perigosas ou humillantes (soldados, prostitutas, servintes, na agricultura, a construción ou na industria téxtil).
Así mesmo, seguía argumentando Atilio Boron, a concentración de riqueza e o incremento das desigualdades provocado polas políticas capitalistas evidenciase no feito de que o 25% máis pobre da poboación mundial reduciu a súa participación no ingreso mundial (menos do 1 por cento), mentres que o 10% máis rico incrementou a súa opulencia (máis do 70% dos ingresos mundiais), pois o enriquecemento duns poucos só é posible como consecuencia do empobrecemento de moitos.
Ora ben, o capitalismo tamén son as estratexias políticas despregadas para conseguir o obxectivo útimo do sistema: o lucro persoal. Neste sentido, o capitalismo son as guerras que asolan o mundo, como a guerra de Afganistán e todas as guerras coloniais e interimperialistas pasadas, comezando pola I guerra mundial; a violenta represión de pobos enteiros, como a que sofre o pobo palestino ou saharauí; as ditaduras, militares ou civís, que garanten -ou garantiron- a paz social para asegurar as ganacias dos capitalistas, como as ditaduras de hogano (Guinea Ecuatorial...) e de antano (fascismo e nazismo europeos, ditaduras militares latinoamericanas...); a subversión de gobernos populares (España no 1936... Honduras en 2009) ou os intentos de desestabilización (Venezuela no 2002...); a violenta represión do movemento obreiro comezada co asasinato dos máis de 25.000 communards do París da Comuna de 1871.
Non nos enganemos, o capital (como dixera Marx en 1867), "vén ao mundo pingando sangue e lama por todos os poros, dende os pés ata a cabeza".
