Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 22.08.2019 Actualizado 13:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

FIESTRA ABERTA

Lidia Senra

MANUEL CENDÁN   | 26.02.2011 
A- A+

A Asociación Cultural Fuco Buxán acaba de traer a Ferrol a presentación do libro editado por Laiovento, que Tareixa Ledo ten sobre a emblemática figura de Lidia Senra; que ademais reflicte a historia e intrahistoria do Sindicato Labrego Galego, de como construír unha organización de novo tipo, que ademais participa nun xeito de facer país dende unha postura antineoliberal e que racha cos estereotipos que hai do noso agro, incardinado no empoderamento das súas mulleres.

A proximidade a estas dúas mulleres permite testemuñar de primeira man que a imaxe mítica de Senra está de acordo coa realidade e no reflectido neste libro. O xeito de encabezar as loitas e reivindicacións, a construción desa nova relación cos demais resulta ser un liderado democrático, integrador, de compartir non só ideas, proxectos, senón poder e capacidade de codecisión fronte a esoutros hiperliderados que se exercen de xeito excluínte.

Hai tamén no discurso de Senra e do SLG unha aposta transversal, que busca o reencontro coa outra Galicia urbana e a súa complicidade en temas tan dispares como a loita feminista, a solidariedade cos pobos, a soberanía alimentaria ou a loita contra a privatización dos recursos naturais; como por exemplo a pretensión da actual Xunta de Galicia de expropiarnos as nosas augas para converter este ben público estratéxico nunha simple mercadoría con prezo e exportable segundo os intereses dos especuladores. Algún día tamén pretenderán expropiarnos o aire que respiramos.

En todo caso, o futuro dunha nova esquerda e de como seguir a construír país, depende moito da capacidade de criar liderados entrañables como o reflectido pola ex secretaria xeral do SLG..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS