Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

noticias cotiás

“O maior premio é compartilo”

RUTH FERNÁNDEZ  | 22.12.2015 
A- A+

Escribo estas liñas mentres os nenos de San Ildefonso cantan os premios da Lotaría do Gordo de Nadal, co obxectivo altruista de poder repartir cos máis desfavorecidos o que consiga co meu décimo, se sae o número que teño a carón do portátil, entre todos os que dan voltas e voltas no bombo. É precisamente ese canto o que asocio dende nena ao comezo do Nadal, coincidindo co inicio das vacacións escolares, igual que estas festas astán asociadas a un arrecendo a laranxa que o asolaga todo e fai máis brandos os corazóns.

Máis alá das doazóns que cada ano adoito facer a ONGs como Unicef ou Médicos sin fronteras, co Gordo de Nadal podería cumprir tantos soños espallados polo mundo… Axudar á creación de escolas no Terceiro Mundo, salvarlles a vida a tantos nenos que viven en situacións de desnutrición alarmantes… podería proporcionar tanto alimento terapéutico… Aínda que ás veces non hai que saír da contorna máis próxima, pois cos recortes do Goberno, coa crise económica que vive España, as necesidades básicas están a miúdo na porta do lado, ao noso carón. E non vale mirar para outro lado, alomenos a min non me vale, así non podo vivir. Moi axeitado é o lema escollido de ‘O maior premio é compartilo’.

Ogallá saia ese número para poder repartilo entre tantos que necesitan unha axuda, axuda que tamen poderían ter de parte dos distintos partidos políticos que estes días, en plena campaña electoral, gastaron miles e miles de euros nun ir e vir de papeletas e de megafonía que soaba como a música que anticipa as coiteladas do baño na película de Psicosis.  Enferma me poñían os coches que pasaban pola rúa coa musiquiña elixida para traer á memoria a cada partido. Pero peor me sentaba ver o reparto de propaganda electoral dos grandes grupos do bipartidismo. Menos papel e máis comida para os máis desfavorecidos, por favor. Porque co que gastaron en publicidade, para empapelar rúas… ben poderían dar de comer a xente que non dispón de recursos. Aí non recortamos, claro. Iso é ir en serio? E agora que está difícil formar Goberno e que talvez se celebren outras eleccións… sufriremos de novo ese gasto? Non podo crelo! Cada un xa sabe a quen votar, hai outros medios para coñecer o programa electoral de cada grupo político. Están as súas webs, están os debates que se televisaron. Non precisamos máis propaganda que sae dos nosos petos!

Mentres o ardor de estómago fai acto de presencia con este panorama… penso nun lugar que funciona para o meu corazón coma o mellor antídoto contra o veleno que estes días se lanzaban os dirixentes das distintas cores co propósito de vencer nas urnas o pasado día 20 de decembro e chegar á Moncloa. Neste tempo de Nadal que vivimos, un lugar que cura as almas é o Belén de Begonte, que naceu da ilusión de reflectir a vida da Terra Cha, cantada polo poeta Manuel María en versos que este 2016 traeremos á memoria para darlle a homenaxe que se merece o 17 de maio. Ese espazo singular está asociado á miña infancia, dende a primeira vez que os meus pais me levaron a desfrutar do que para min foi todo un espectáculo, de luces e sombras, de música e silencio, ficando para sempre no meu recordo. É algo que lembro cada ano e que gardo con celo entre os mellores momentos do Nadal da nenez. Estes días volverei de novo a Begonte, levando máis visitantes a ese recuncho onde o tempo parece non pasar, onde se concentran a maxia e a esperanza, onde nos facemos un pouco mellores, coma se o noso corazón se mergullase nun elixir que nos convertirá en persoas nobres e xenerosas para comezar o 2016 cos mellores propósitos. Actúo como guía turística por uns momentos, para que todos coñezan o especial que é este Belén, para que aprecien o traballo desinteresado de quen pon en pé todo este entramado. Grazas os seus fundadores e os que continúan con esa labor, por regalarnos cada ano unha imaxe así, introducindo novidades e respetando a tradición.

Aínda non saíu o Gordo da Lotaría… aínda conservo a ilusión de poder axudar a moitas persoas se sae o meu número… teño aínda a esperanza de poder contribuír a unha vida mellor para a xente que o pasa mal… non quero que sexa unha utopía… quero facelo realidade!

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS