NEVE
Máis de 12.200 estudantes de máis de 120 centros galegos quedan sen clase
O manto branco e as placas de xeo sobre as estradas impediron a saída dos autobuses de transporte escolar
EUROPA PRESS. SANTIAGO | 03.12.2010
Máis de 12.200 estudantes de máis de 120 centros educativos galegos quedaron este venres sen clase debido á acumulación de neve e a presenza de placas de xeo na rede viaria de Galicia, despois de que na xornada do xoves máis de 22.000 non puidesen acudir ás aulas.
Segundo os datos facilitados pola Consellería de Educación ata as 10.30 horas, na provincia da Coruña pecharon 29 centros e outros catro suspenderon o transporte escolar, quedando sen acudir ás aulas 6.397 alumnos.
Entre outros, resultaron afectados centros dos municipios coruñeses de Touro, Betanzos, Ordes, Cerceda, Curtis, Melide, Monfero, Noia, O Pino, Oroso e Santa Comba.
Na provincia de Lugo pecharon 11 centros e outros 28 suspenderon o transporte escolar, polo cal quedaron en casa 2.294 estudantes de, entre outras localidades, Cervantes, Vilalba, Guitiriz, Negueira de Muñiz, Folgoso do Courel, Sarria, Chantada, Quiroga e Cospeito, segundo indicou Educación.
En Ourense pecharon 15 colexios e outros 13 suspenderon o transporte escolar, polo cal non puideron acudir a clase 2.567 alumnos do Barco, O Bolo, Calvos de Randín, A Mezquita, O Carballiño, Maceda, Montederramo e Pobra de Trives, entre outros concellos.
Pola súa banda, na provincia de Pontevedra, 17 centros pecharon as súas portas esta xornada e outros sete suspenderon o transporte escolar, quedando sen clase 976 escolares de municipios como Lalín, Silleda, A Estrada, A Cañiza, Forcarei e Vila de Cruces.