Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.12.2018 Actualizado 20:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

arrabaldeira

Minuto de Gloria

MARIÑA PÉREZ REI   | 16.06.2011 
A- A+

Algún día, alguén, nalgures, pedirá perdón por todos os excesos cometidos pola prensa. Pode ser que alguén asuma a responsabilidade directa dos medios no tratamento de noticias irrelevantes e no encumbramento de certas persoas de dubidosa relevancia e máis que demostrada ignorancia e malicia. Adiántolles que ten unha frase moi boa Groucho Marx: "É mellor calar e pasar por parvo que abrir a boca e desfacer o equívoco". Pois iso. Pero a prensa empéñase en desfacer o equívoco e darlle repercusión mediática a quen non a debera ter por méritos.

Xa o dixo Andy Warhol: todo o mundo ten dereito ao seus quince minutos de Gloria. É só que algúns e algunhas rebordan. Sic transit Gloria mundi. Que todo o mundo teña dereito ao seu Minuto de Gloria non quere dicir que haxa que usar ese dereito as vinte e catro horas. Non debera ser cuestión numérica, pero é ben certo que a algúns lles sobran escasos 140 caracteres no Twiter para desfacer aquel equívoco mencionado arriba e caer na charlatanería máis barateira que xa se encargan os medios de reproducir aquí e acolá.

O problema vén pola prensa amplificar discursos baleiros e perigosos, moi propios do século no que, para ben ou para mal, nos toca vivir. Porque se ben é certo que todo o mundo ten dereito a expresarse libremente, o que abunda é que a algúns se lles deu demasiada cancha en pantalla, e aí é cando se monta o Belén. Hai unha corrente de mediocridade estendida que arrastra a quen teme quedar fóra do que se coce. Para estar hai que imitar. Ou en terra de lobos hai que ouvear coma eles.

Primeiro habería que establecer os límites entre personaxe, persoeiro e pailaroco e, que se saiba, na Corte só había un Bufón que gozase dos favores de El-Rei. Non se pode elevar a noticia pública a ordinariez constante e recorrente. Iso enténdeo calquera Cristiano. Xa imos servidos de Arlequíns, Estúpidos, Triboulets e Polichinelas, dito sexa con toda a admiración polo difícil oficio de pallaso, é só que o disfrace non fai o actor. Somos un público difícil de convencer e entreter, o que non é de rigor é que os medios entren ao trapo sen dó. Miremos o exemplo de Atacama, os mineiros tiveron preparación, instrucións e consignas para responder as preguntas-chorra da prensa despois do seu rescate ao límite. E semella que resolveron bastante ben o seu reality forzado.

Esta fama artificiosa conduce inevitablemente a camiños perigosos que aspiran a un éxito fácil, televisivo, moi Big Brother e sensacionalista. Pero afortunadamente tamén comeza a haber acusacións aos famosos que acaban por crerse referentes nacionais só por teren cancha na prensa, e mesmo aspiran a ter cargo en política sen ningunha formación sólida que dea respaldo á súa candidatura... Coma nun truco de maxia chegan a concelleiros de Cultura sen ter estudos realizados nin ningunha outra bagaxe cultural. Ale hop! Tal Cal.

En todo caso, a fama vén rápido e vaise fugaz, talvez antes de 140 caracteres. Nun abrir e pechar de ollos, acabouse o espectáculo. Bis bald! Despois, todo se compensa cun extra de indiferenza por parte do lector ou do público avezado, porque xa sabemos que para acabar mordendo o po e caer no abandono mediático, dá igual que un sexa Marqués ou Conde. Como no famoso tango: lo mismo un burro que un Gran Profesor....

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS