Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 18.06.2019 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

fiestra aberta

A Moncloa

MANUEL CENDÁN   | 01.12.2010 
A- A+

Algúns, incautos nós, tiñamos unha certa expectativa coa reunión entre o presidente Zapatero e os principais responsables financeiros, bancarios e das grandes empresas da construción. Esperabamos que se reclamara deles a súa solidariedade contra a crise, porque estes tamén son os principais responsables da profundidade da mesma. Mais, a festa vai continuar para eles.

Resulta que a resposta á crise non vai ser un programa de eficiencia económica e democrática; como así sería usar a fusión das Caixas para iluminar unha gran banca pública que ordenara o sector financeiro, nin vai haber renacionalización das empresas que foron privatizadas na etapa de Aznar, nin participación directa dos traballadores na xestión das empresas. As receitas volven ser aquelas que deron orixe á maior crise social dos últimos oitenta anos. É dicir, as clásicas políticas da dereita.

A crise pagarémola en exclusiva os traballadores. Ademais, os novos nichos de negocio da dereita está en privatizar os servizos sociais, na maior precariedade laboral e na privatización das pensións públicas. O chamado cambio de modelo produtivo quedará na vella fórmula de toda a vida da historia económica española: redución de salarios, axuste económico, maior desigualdade e menos democracia. Pero, máis que nunca é necesario frear á concentración da riqueza en tan poucas mans e aumentar o crecemento, únicas fórmulas reais para frear o déficit e asegurar a saída da crise económica. Máis que nunca é necesario máis democracia e menos liberalismo.

Mobilizarán dende o PSOE renunciando á socialdemocracia? Nas eleccións catalás os cidadáns falaron claramente: para políticas de dereitas, mellor a dereita. Un único dato positivo da xuntanza; desde A Moncloa optaron por reunirse directamente cos verdadeiros responsables da dereita económica e non esa CEOE tan falta de credibilidade..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS