Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 01.43

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Portada  |  RSS - Portada RSS

JEU DE PAUME

Monolitismo ou dinamismo

23.01.2011 

5.0/5 [8 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

MILLÁN FERNÁNDEZ LÓPEZ

Nestes días de polémica arredor do uso das linguas cooficiais no Senado, foro de representación interterritorial e lugar que debera recoñecer a realidade dunha cidadanía multicultural e multilingüe, asáltanme unha chea de reflexións: a maioría delas rebélanme por que se comproba a pervivencia (un deja vú dacabalo da crise) do relato máis rancio e ultranacionalista daquela España, una grande y libre que a miña xeración cría soterrada baixo unha lousa de 1.500 quilos, no Valle de los Caídos. Aquela escura, exasperantemente uniformizadora, conservadora e monolítica España que se negou a si mesma e que intentou construír a súa razón de ser a sangue e fogo mediante o sometemento e a estigmatización de parte da poboación que explicitaba as súas particulares manifestacións socioculturais, exaltando outras para convertelas obrigatoriamente en comúns.

Pode que este non sexa o momento idóneo para implementar medidas que supoñen custos adicionais pero sendo honestos e sensatos, comparativamente, non representa un gasto inasumible. E por riba, normaliza o emprego duns idiomas tan respectables, vivos e útiles como é o fermoso idioma de Cervantes. Mais ou menos normalizados nos seus lugares respectivos pero considerados unha ameaza no resto. De aí o conveniente e pedagóxico da decisión. A intolerancia, o racismo e a pretendida superioridade funcionan sempre como síntomas das sociedades enfermas e son xermolo do consentimento das maiores atrocidades que recorda a humanidade. Hoxe, en España, a pantasma remóvese no seu cadaleito: ben por boca(za) de Aznar contra a configuración do Estado Autonómico e co perverso pretexto da eficiencia económica, ben na ofensiva contra a salvagarda dos idiomas recoñecidos constitucionalmente. Que haxa quen poña o berro no ceo por empregar trescentos mil euros anuais nas traducións cando se teñen gastado miles e miles de millóns en acudir ao rescate das entidades bancarias (responsables directas da situación actual) dá boa conta do que se esconde para soster os seculares argumentos do odio. Ou cando non se atalla a fraude fiscal para non incomodar os poderosos. Ou cando se permite e se potencia un incremento maiúsculo da débeda privada e, como por arte de maxia, troca en débeda pública para que as maiorías sufran as consecuencias. Ou cando convertemos isto no paraíso do especulador sen escrúpulos.

Poderiamos mentar infinidade de casos, pero non: no subconsciente colectivo de boa parte do tradicionalismo patrio permanecen ancorados, atados e ben atados, complexos que responden ao substrato ideolóxico do xenuíno fascismo español. Así de simple. Décadas de democracia para que, no lugar de recordar como exóticas estas tolemias, regresen mais vivas e "inocentes" que nunca. No nome da liberdade, da racionalidade, do sentido común, da eficacia...

Mudar isto dende aquí só pode resultar coa forza dunha sociedade civil consciente e consistente, dinámica e madura, preparada, segura de sí mesma e convencida de que na defensa do local se atopa o vencello co universal. De que o bo facer non entende de nacionalidades, linguas ou fronteiras mentais. Galicia ten exemplos a eito, e en moitos ámbitos: nas artes, na política, na empresa ou na sociedade. Hai que estar orgullosos porque representan, alá onde van, un xeito de entender a galeguidade que transcende o imaxinario de complexos que a moitos ateazaba e atormentaba cando cruzaron o Pano de Grelos. No meu círculo de amizades e coñecidos, cando aparecen as dúbidas, poño como exemplo contemporáneo a dous rapaces que traballan no mundo da gastronomía: Iago Pazos e Marcos Cerqueiro. Rexentan un local dunha proxección ilimitada, Abastos 2.0, que revolucionou a maneira de entender a zona vella de Compostela dende a defensa dos produtos da nosa terra, a calidade e a proximidade, e comprometidos coa cultura e a vangarda deste país. Nos vindeiros días participarán no encontro gastronómico internacional MadridFusión, cóbado con cóbado xunto aos máis afamados cociñeiros para expoñer as súas propostas innovadoras. Explicarán as chaves do seu éxito e levarán alí o acento, os aromas e a música en galego como representantes dun país que moitos seguimos soñando: aberto, dinámico, emprendedor, atrevido, moderno, desacomplexado e orgulloso de si mesmo. Combatendo coa cabeza ben ergueita o monolitismo soxulgante dos que non nos entenden, non...

 

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS