Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 01.43
Ou o mundo ao contrario, como vostedes prefiran. Un goberno socialista aplica medidas para reducir o déficit propias da dereita e a dereita fala de "gran recorte de dereitos sociais". ¿Será que a dereita experimenta de súbito unha sensibilidade social sen precedentes en si mesma? O presidente Zapatero contémplase cada vez máis no espello neoliberal, tan propio este das dereitas, e Rajoy -algo desubicado, todo hai que dicilo- solidarízase agora cos traballadores, pensionistas e futuras nais, que así tal o expresou, usando agora un perfume socialdemócrata que non deixa de sorprender no fondo por certas notas exóticas que contén. Cousas veremos. Porque, como moi ben matiza Antoni Domènech, as diferenzas entre a esquerda e a dereita existen, e son ben palpábeis neste terríbel comezo do século XXI, xa superada a "necia retórica" do Fin da Historia. Mais hoxe en España, no "corral nublado", impera unha sorte de ruído, confusión e demagoxias varias que fan difícil tantas veces a fixación dalgunhas verdades e a comprensión cabal do que acontece. Como dicía Manuel Azaña -vaia aquí a cita textual-"si los españoles habláramos sólo y exclusivamente de lo que sabemos, se produciría un gran silencio que nos permitiría pensar". ¿Mais como pensar en ambiente tan tóxico, con tanta barafunda e enleo organizado? ¿Os partidos políticos maioritarios? Terríbel burocracia. A esquerda estatal maioritaria pensando e actuando como a dereita -desinflado o ideario socialista- e a dereita utilizando un ruído confuso de demagoxia de salón -arteira pose-, pois as medidas anunciadas por Zapatero son tamén as súas. Ou dito doutro xeito: a esquerda maioritaria ofrecendo a traballadores e pensionistas en forma de "sacrificio" para que o gran monstro neoliberal siga a practicar a súa ben coñecida voracidade. ¿"Terrorismo financeiro", como dixo alguén? A espiral escura diso que chaman "mercados" abriuse e avanza. O abismo é agora unha forma inmediata de futuro. No ventre da dereita a dixestión comeza a ser sinistramente doce.
