Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

contradiscurso

O nacionalismo galego en ascenso

XABIER PÉREZ IGREXAS   | 12.10.2010 
A- A+

Recentes sondaxes veñen confirmar a tendencia ascendente, desde un punto de vista electoral, que os estudos do CIS lle estiveron prevendo ao BNG após o recuar que o desaloxaría do Goberno galego.

Onte vían a luz dous novos inquéritos. Un publicado no españolista La Razón e outro no diario filoprogresista Público. O primeiro, inda atribuíndo unha perda de varias decenas de miles de votos, daba por asegurado que de celebrarse hoxe as Eleccións Xerais, o Bloque mantería a súa representación no Parlamento Español con 2 deputadas/os. No segundo, que se encadra nunha serie histórica do denominado Publiscopio, outórgaselle ao nacionalismo galego un 1,4% de votos no eido de Estado.

Esa porcentaxe, que case triplica a asignada á altura de marzo de 2009 (coincidindo coas eleccións autonómicas que devolverían o PP á Xunta), de se trasladar ao territorio galego corresponderíase aproximadamente cun 20% dos votos, e suporía sobardar os 300.000 sufraxios, engadindo polo menos cen mil aos obtidos nos comicios autonómicos de 2009 e aproximando a representatividade electoral do BNG aos limiares conseguidos ao final da década dos 90.

Observados con detalle, os datos da sondaxe de Público amosan con nidia claridade a dinámica de continua ascensión en apoio social/electoral do BNG, rachando a tendencia á baixa rexistrada desde decembro de 2008 até marzo de 2009.

Inda acreditando en que a demoscopia electoral serve unicamente un indicador circunstancial de tendencias socio-políticas, e alén das deficiencias das sondaxes (ás máis das veces con mostras escasas e pouco ou nada territorializadas) o certo é que as últimas enquisas concordan en debuxar para o BNG un vector ascendente, que coincide ademais cun cambio de ciclo no seo da fronte patriótica após o último revés electoral.

Aceptando a multiplicidade de factores que poden determinar esta tendencia crecente, o certo é que o feito de que o BNG se resituara en boa medida nun perfil ideolóxico-prográmatico máis coherente cos seus principios fundacionais, está a sumar maior simpatía social.

A liña política adoptada tras a última Nacional, malia a discusión interna e a intoxicación mediática, está a consolidar socialmente o BNG como unha alternativa de carácter transformador e emancipador ao servizo dos intereses da maioría social que representan as clases populares, que seguen a ser o cerne da súa base electoral.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS