Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 09.12.2019 Actualizado 13:50
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

:: POR NAVEGAR AO DESVÍO

Non imos dicir que chove

CARLOS CALLÓN   | 16.05.2011 
A- A+

O Día das Letras é data para festexarmos, mais tamén para reivindicarmos, sobre todo no momento actual de encrucillada para a nosa lingua. Con este espírito, e baixo o lema "Paremos os ataques contra o galego", a plataforma unitaria Queremos Galego convocou máis de 50 concentracións para ese día, que terán lugar tanto en diferentes concellos de Galiza como no exterior: Nova York, Belfast, Barcelona, Madrid, Oxford, Florencia, Bos Aires, Bruxelas...

En todos estes actos darase lectura a un manifesto que repasa algúns dos retrocesos para o noso idioma que se produciron nos últimos anos por decisión do actual goberno da Xunta. Nesa mesma liña vai esta parte da miña intervención no acto de Queremos Galego do pasado 30 de abril, que paso a transcribir, continuando así o artigo de hai sete días:

"Permitídeme tamén que conte unha anécdota recente. Esta semana presentabamos o Correlingua, unha actividade que organizan diferentes entidades, non só A Mesa, senón tamén a CIG-Ensino, a AS-PG e varios concellos, e na cal van participar 45.000 rapazas e rapaces.

Pedímoslle formalmente unha entrevista ao secretario xeral de Política Lingüística para proporlles que colaborasen no Correlingua. A chamada que recibimos de resposta foi: "E para que queredes reunirvos connosco, se non vos imos dar nada?" Nós dixemos: "Bah, así e todo, podiamos reunirnos, polo menos escoitade o que opinamos". "Pero non fai falta...".

Vós pensades que é tan mao que simplemente lle propoñamos a colaboración? Dicía estes días o secretario xeral de Política Lingüística que teñen moitas actividades en que colaboraren como para estaren no Correlingua. Que nos digan unha! Que nos digan a primeira acción deste goberno en defensa do noso idioma! Queremos coñecela, se pode ser, máis cedo que tarde! Vós coñecedes algunha? Por favor, se coñecedes algunha, avisádenos!

A restra de políticas en contra é longa. A lista de política en favor é ben breve: tan breve como que non hai ningunha.

Departamento de Política Lingüística: un decrecemento de orzamentos como non os padeceu ningunha outra partida do Goberno galego. Tamén poderedes estar a pensar: "Para o que fan...". Para dar cursos de inglés, como propuxo no seu día Anxo Lorenzo? Que desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística ían impartir cursos para os profesores que non soubesen inglés suficiente! Pois vaia! Se para iso creamos o Goberno galego...!

Ámbito da xustiza. É importante que isto se saiba, porque é difícil encontrar esta información nos medios. Desde maio do ano pasado, os xulgados de Galiza teñen un programa informático que non permite o uso do galego. Era algo que se podía facer nos anos 80, coas máquinas de escribir que se acaban de xubilar; se un xuíz ou unha xuíza quería usar o galego, podía facelo. Agora, o goberno da Xunta, non o Ministerio de Xustiza, senón o goberno da Xunta, distribúe un programa que impide o uso do galego. Que goberno é este?

É importante que se saiba, porque en teoría temos o dereito constitucional a usar o galego, mais despois non se nos prové dos medios para garantir ese dereito.

O incumprimento das leis que hai en defensa do noso idioma é longo. Mesmo temos aí a ameaza de que se derrogue a Lei de normalización lingüística, din que "para que los topónimos tengan los dos nombres". A Coruña, La Coruña?! Carballo, Roble?! O Carballiño, El Roblecito?!

Non é só Carlos Negreira, tamén o candidato do PP aquí en Santiago de Compostela propón que os nomes das rúas desta cidade sexan "bilingües", rompendo así un consenso que se remonta mesmo a antes do ano 1936. Mais de verdade pensan que somos a xente de Queremos Galego, as e os radicais de Walpurguis que estamos hoxe concentrados, os que inventamos que a rúa do Vilar se chame rúa do Vilar, os que inventamos que sexa praza do Obradoiro e non plaza del Taller? De verdade, que non nos culpen diso!

Vemos na Administración como, pola vía dos feitos, se tenta facer que o galego non sexa lingua oficial, tal e como é segundo sinala o Estatuto de Autonomía e moita outra lexislación, mesmo a Constitución, que utilizan como espantallo para meter medo, mais que despois son os primeiros en incumpriren en todo o que minimamente ten de recoñecemento da diversidade lingüística e cultural do Estado español.

Na Administración, contra a opinión dos sindicatos, decidiron que o galego deixe de ser un requisito para acceder á función pública. Que lingua oficial no mundo non é obrigatorio que un funcionario ou unha funcionaria a coñeza? Que lingua no Estado español padece esa situación de desprotección e desamparo?

Podiamos dicir moitas máis cuestións na política cultural. Como no ano 2009 tentaron derrubar as infraestruturas para a tradución de libros para o noso idioma. O galego foi a única lingua do Estado que, no ano 2009, non contou con axudas públicas para a tradución de libros. A única!

Ou recordemos as políticas de determinadas institucións gobernadas polo Partido Popular, como por exemplo a Deputación de Pontevedra, onde deron a orde de que se compren libros en castelán e en inglés, mais non en galego.

Imaxinade que fose o contrario. Que algunha institución gobernada por uns radicais de Walpurguis decidise que se deixasen de comprar libros en castelán. A miña pregunta é: Que día non sairía en portada nos medios de comunicación? Que día non nos pasearían en procesión, chamándonos radicais? E aquí están ordenando que non se compren libros no noso idioma, e non pasa nada? Ben, non é certo que non pase nada: a pesar da mordaza mediática, aquí estamos e aquí estaremos.

Tamén nas bibliotecas escolares se reduciu o apoio ao galego, igual que ao audiovisual no noso idioma, que está tamén nunha situación perigosa. Até o punto de que o portal Flocos.tv, un portal que non custaba case nada, nin tan sequera lles servía a escusa da austeridade. Que non nos vendan o conto. O problema non era de austeridade, senón que era unha páxina demasiado consultada, demasiado exitosa como para permitiren que continuase a súa existencia.

E vemos tamén -dicíao Ernesto Chao- na situación que está a padecer o noso teatro. Agora ben, Ernesto, tes que transmitirllo a todas as compañeiras e todos os compañeiros de Escena Galega: en xullo, cando se faga esa falcatruada en Pontevedra chamada Festival das Rías Baixas, todas e todos imos estar aí, protestando, movéndonos en defensa do noso teatro!

Dos que estamos aquí, non faltaremos ninguén. Dos que están fóra, xa verás que se moverán uns cantos. Non o dubides, aí estaremos.

Teremos pouca forza nalgunhas ocasións. Teremos só un dedo. Mais tamén llo podemos meter no ollo".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS