Acabou o Cumio de Lisboa dentro de fortes medidas de seguridade, peche de fronteiras e vulneración de dereitos de libre circulación e manifestación para aqueles que pretendían manifestar A súa repulsa ao proceder desta alianza militar.
A chamada seguridade occidental e loita antiterrorista serven para agachar a orixe do conflito e a práctica neocolonial. O Afganistán prosoviético molestaba ós intereses económicos e militares norteamericanos, estes últimos organizaron aos Talibáns e aos primeiros integrantes do que así sería Al Qaeda, Bin Landen incluído. Máis tarde, os antigos alumnos decidiron tomar o propio control, e hoxe en Afganistán as tropas aliadas so controlan as cidades durante o día.
Pero, a nosa loita contra o terrorismo internacional non se libra nesas montañas tan lonxes (José María Aznar dixit). Os atentados de Madrid 11-M están impresos a sangue e fogo na nosa alma. A principal ameaza á nosa seguridade nacional nace nos sumidoiros dun réxime marroquí que anda a medio camiño entre o feudalismo e a democracia dunhas elites corruptas, que usan o tema do Sáhara español para taparen as súas vergoñas.
O cambio substancial operado nesta lexislatura de apoio ao plan anexionista -mal chamado de autonomía- de Rabat amosa unhas debilidades que en nada axuda ós intereses de España. Certo é que Mohamed VI ten o apoio incondicional de Francia e de Estados Unidos. Por iso unha pregunta na que ninguén foi capaz de darme unha resposta axeitada: para que lle serve a España ser membro da OTAN?
No seu día votei non á OTAN, hoxe faríao igual. Dúas reflexións finais: que as nosas tropas volvan de Afganistán e viva o Sáhara Libre..