Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 14:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

fiestra aberta

Outro Suresnes

MANUEL CENDÁN   | 06.04.2011 
A- A+

Zapatero volve deixar fóra de xogo a dereita. A estratexia desta última de converter as municipais e autonómicas do 22 de maio nun plebiscito contra o primeiro agora resulta ridícula. Este xa ten data para marchar, e os insultos e malas formas dos dirixentes do PP evidencian que foron sobrepasados polo presidente. Agora, deberán reconsiderar toda a súa folla de ruta, sobre todo porque se por algo se diferencian da dereita centro europea é por non querer asumir riscos; especialmente, cando todos sabemos que non teñen políticas substancialmente diferentes das marcadas pola Sra. Merkel, e que foron asumidas aquí por ZP.

Así, cando esta convocatoria electoral parecía que ía ser un calvario para el, pode acabar por se lle atragoar ao PP. O lóxico é pensar que ao presidente do Goberno de España lle queda unha campaña de mitins cheos de afecto por parte dos militantes do partido socialista, unha despedida doce.

Tamén estamos ante un Zapatero que pasa factura aos lobbys internos, que querían pilotar o poszapaterismo, cunha convocatoria de Primarias. Xa se sabe que os militantes cos seus votos fan o que lles dá a gana. Rubalcaba ou Chacón? Ese non é o problema.

Fronte á saída da crise de Islandia, que deixa caer á banca especulativa e mete no cárcere os seus responsables, aquí séguense as directrices da dereita da Unión Europea, baixo a falsa premisa de mellorar a competitividade precarizando, abaratando custos laborais e reducindo salarios; freando a recuperación económica.

Que queda do perfil socialista, radicalmente democrático, e polo tanto poscapitalista, asumindo as políticas económicas e sociais da dereita europea? Si, fai falta xa outro Suresnes..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS