Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

fiestra aberta

Pensións

MANUEL CENDÁN   | 28.12.2010 
A- A+

A recente reunión entre Cándido Méndez, Ignacio Toxo e o presidente Zapatero acabou mal. Este último segue empeñado en sacrificar aquilo que mellor funciona no noso raquítico e xa contraído Estado de Benestar, como é o sistema público de pensións.

Non hai présa que xustifique ningunha redución das pensións públicas. Este ano, a pesar da crise, a Seguridade Social acaba con superávit nas súas contas. O sistema funciona e non necesita axustes inmediatos. Sendo así, por que as ansias mal chamadas reformistas do executivo, que alimentan a actual campaña manipuladora?

Os plans privados de pensións das grandes corporacións bancarias están en quebra. Estes foron usados na especulación bolsista e do cemento. Trátase, en definitiva, de reflotar o mercado privado, obrigando un sector de traballadores e mais das clases medias asentadas a adquirir un fondo privado, reducindo a contía das pensións públicas e atrasando a idade de xubilación.

Zapatero erra. Isto non vai saciar a voracidade dos mercados. Quererán máis. Canto tardaremos en falar de reducir a contía das que reciben os actuais pensionistas? O obxectivo dos mercados é afundir a medio prazo o sistema público, e para iso acompañan unha xeira de propostas neoliberais que van dende a redución dos salarios ao despedimento máis barato, ou menos impostos ás sociedades e aos capitais. Unha diminución das cotizacións á Seguridade Social fan atacables as pensións públicas.

Os mercados e o Banco de España son os principais responsables da destrución de emprego e da profundidade da crise neste país. Sabe Zapatero que as renuncias conducen a ningures, que a saída que reclaman os seus votantes está á esquerda?.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS