Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

Pilar Pallarés, Premio Nacional de Poesía

A escritora galega cre que "o Estado español segue tendo unha visión centralista coas linguas"

O editor e escritor Antón Lopo coa poeta Pilar Pallarés. - FOTO: GABRIEL GÓMEZ
O editor e escritor Antón Lopo coa poeta Pilar Pallarés. - FOTO: GABRIEL GÓMEZ

MADRID/SANTIAGO. EUROPA PRESS  | 01.11.2019 
A- A+

A poeta galega Pilar Pallarés, que recibiu o Premio Nacional de Poesía pola súa obra 'Tempo fósil', lamentou que "o Estado español siga tendo unha visión centralista" coas linguas, aínda que "se tente disimular".

Pallarés, que escribiu a maior parte da súa obra en galego, sinalou en declaracións a Europa Press após a concesión do premio que "a situación da literatura en galego ten que ver coa situación do país". "Eu fun educada en español por pais galego falantes", explicou.

A poeta recoñécese como "nacionalista" precisamente por unha cuestión da lingua. "En Galicia o problema do idioma está moi ligado a unha situación de clase, ás clases populares: son nacionalista por isto, porque a min as identidades non me importan en absoluto, son antidentitaria", asegurou.

É por iso que Pallarés entende que o uso do galego está "vencellado a unha defensa de clase", algo que "noutras nacións do Estado é unha situación diferente". En calquera caso, matizou que esa postura nacionalista non está vencellada á independencia galega. "Como concepto teórico está moi ben, pero no actual contexto non hai moito lugar. Polo menos no caso galego", destacou.

Pallarés mostrouse "bastante sorprendida" coa concesión do premio, do que nin sequera sabía que se fallaba este xoves, 31 de outubro. "Cando me chamaron, estaba a comunicar e non conseguiron falar comigo. Foi o meu editor o que me chamou despois e pensaba que era por unha antoloxía que estabamos a preparar", engadiu.

'Tempo fósil' xorde de "unha situación bastante persoal" da autora, a desaparición da casa construída polo seu pai debido á ampliación do aeroporto de Coruña. "É un libro que case nin tiña pensado publicar e fala dun tema que me obsesiona: a posibilidade de que algo poida pervivir".

"O tempo sempre está na miña poesía, tamén a fugacidade e a capacidade que ten a natureza de destruírse e rexenerarse. Son moi pesimista con respecto á destrución do planeta, é o que máis me preocupa nestes momentos", indicou a autora, quen tamén recoñece "unha conciencia da morte" desde a súa infancia que marcou parte da súa poesía.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS