Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 01.43

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Portada  |  RSS - Portada RSS

DENDE AS ONDAS

O poder sindical

12.09.2010 

4.3/5 [3 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

ANTONIO GUTIÉRREZ

O panorama social está que arde e agoira un outono quente máis aló dos tópicos. Os sindicatos están en pé de guerra contra un Goberno que, oficialmente, xa non perciben como amigo e ao que non teñen máis remedio que lle presentar batalla pola súa reforma laboral cunha folga de incerto resultado.

A crise está a ser tan fonda que unha reforma laboral parece inevitable. Somos o estado da Unión Europea con máis paro. Mesmo somos un dos poucos que non crea emprego e dos que contribúe a que as cifras comunitarias sexan negativas neste capítulo.

A nosa produtividade é de risa. Somos tan pouco competitivos que levamos anos baixando a escaleira ao inferno e segundo o último informe do Foro Económico Mundial xa estamos entre Porto Rico e as Barbados. O mesmo documento sinala ­unha "alta inflexibilidade do mercado laboral".

O noso investimento en I+D+I é ridículo e as promesas de Zapatero aos investigadores ao comezo da primeira lexislatura son hoxe un chiste de Gila. Aquí preferimos gastar os millóns en beirarrúas e moita publicidade para gañar as próximas eleccións. Mentres, e aínda que o Goberno se desgañite negándoo, o paro ameaza con chegar ós cinco millóns (datos da EPA).

Esta semana o Congreso aprobou unha das reformas laborais máis polémicas da nosa recente historia. O texto só recibiu o apoio dos deputados do PSOE. Os empresarios tamén o rexeitan. Láianse de que só se abarate o despido en determinados contratos, negan que se aumenten as bonificacións á contratación dos coletivos en risco de exclusión... Os sindicatos considérana a reforma máis lesiva para os intereses dos traballadores e cren que fomentará a precariedade e a temporalidade. Rexeitan a facilidade para despedir e os descolgues salariais sen consultar coa comisión paritaria do convenio.

A posición dos sindicatos ante esta reforma é moi difícil. Representan os traballadores pero gozan dun descrédito tan preocupante que os berros de ZP demisión soaron pouco cribles. Foron compracentes en exceso co Executivo nestes anos e son responsables por omisión da actual debacle, e reciben cuantiosas subvencións das arcas públicas. Aínda que só fose por iso a súa independencia quedaría xa irremediablemente en entredito. Os profesionais do sindicalismo viven moi ben, alleos aos avatares do común dos asalariados. En especial na empresa pública, onde algúns son moi amigos de esgotar o crédito sindical propio e mesmo o dos compañeiros que están de vacacións, e non sempre para cuestións relacionadas coa representación dos seus compañeiros. Todo isto e ­algunha que outra cousa máis explica suficientemente o seu ínfimo nivel de afiliación. Esta falta de credibilidade está tamén na base da pobre sociedade civil que temos, da escasa mobilización social e do pouco apoio que parece ter a convocatoria de folga xeral do próximo día vinte e nove.

Todo isto é certo. Pero as eivas das centrais sindicais non nos poden cegar ata o punto de asumir os postulados neoliberais e pretender que desaparezan. ¡Que máis querería a ultramontana patronal! Mentres non se demostre o contrario, os traballadores non son representados polos empresarios nin polos defensores do liberalismo económico. Resulta embarazoso ter que lembrar estas obviedades, pero se os traballadores cometemos a estupidez de aniquilar o movemento sindical estaremos asinando a nosa sentenza. Isto é o que compre lembrar nestes momentos nos que tanto contertulio e tanto medio de comunicación aproveita a discutible convocatoria da folga xeral para cargar contra as únicas organización que, mal que ben, defenden os intereses dos asalariados.

Deben abordar unha renovación ética e librarse das cadeas partidarias. Pero se os sindicatos perden presenza pública quedaremos indefensos ante individuos coma Jesús Lence, o propietario de Leche Río, coñecido polo seu desprezo olímpico ao medio natural, e aos dereitos dos demais. Non hai dúbida sobre o bando no que debemos estar os traballadores.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS