Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 01.43
O filósofo Víctor Gómez Pin (lembro agora unha conferencia maxistral súa no Museo de Arte e Historia de Durango sobre Proust) defende, partindo de Aristóteles, que o obxectivo e a razón de ser do home non é sobrevivir, senón "vivir con lucidez", e esa lucidez, materializada e vehiculizada a través da capacidade lingüística, constitúe, como feito diferencial, a irredutíbel singularidade do ser humano: a "carne feita verbo", como souberon ver os máis importantes pensadores da civilización occidental. Mais esa "carne feita verbo", ese obxectivo de "vivir con lucidez", está, a raíz do que acontece problematicamente na actualidade, coas súas penurias e as súas esperanzas, nunha crise que se labra en si mesma, que se perpetúa. Un pensador como Sloterdijk, partindo da coñecida Carta sobre o humanismo de Heidegger, sentencia que a era do humanismo ten rematado e que a enxeñaría xenética acabará por despregar un efectivo plan de "domesticación e cría dos seres humanos". Cousas veremos. Porque, mentres non se leva a cabo o "relato" de Sloterdijk, o certo é que estamos a asistir a un proceso de opresión económica, cultural e política que é en si mesmo un proceso de deshumanización, entendéndoo aquí como unha falta de respecto á dignidade humana, como un novo advenimento de formas de barbarie. Xa Orwell e Huxley nos advertiron, apelando á intelixencia e á actitude crítica, sobre o poder das clases dirixentes e os seus posíbeis proxectos de deshumanización social. E está xa está aquí, no plano político e económico, baseada na lei neoliberal do máis forte, permitindo que as grandes corporacións (orde plutocrática) secuestren a vontade democrática popular e condenando a acción política a unha mera actividade de xestión ou administración, restándolle a súa verdadeira carga social e o seu discurso ideolóxico crítico e construtivo destinado á transformación da sociedade. Haberá, talvez, que volver a Paulo Freire e á súa pedagoxía da esperanza. Porque o número de oprimidos e de deshumanizados aumenta.
