Hemeroteca web
|
RSS
Martes 21.05.2013
| Actualizado 17.42
Noticia 1 de 1
Portada |
RSS
O PSOE pídelle a Feijóo que "depure" o Goberno por "neglixencias" en incendios e o BNG ve prematuro as dimisións
E.P. . COMPOSTELA | 19.08.2010
A voceira de Medio Rural do Grupo Parlamentario Socialista, Sonia Verdes, esíxelle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "dea a cara e depure responsabilidades" no seu Goberno ante as "neglixencias" que se cometeron na loita contra incendios e que, presumiblemente, tiveron como resultado o falecemento de dous brigadistas nun lume en Fornelos de Montes (Pontevedra).
"De haber irregularidades, e todo parece indicar que si, o señor Feijóo terá que depurar responsabilidades no seu Goberno", incidiu, en rolda de prensa, a deputada do PSdeG. Dito isto, reclamou explicacións "claras e convincentes" sobre a xestión dos incendios forestais, así como a "máxima transparencia e colaboración coa Xustiza".
A continuación, criticou o "apagamento informativo" posto en marcha pola Xunta co obxectivo de "ocultar deliberadamente o verdadeiro alcance" da vaga de lumes. Neste punto, sinalou que "en só dez días" arderon un total de 10.000 hectáreas, o que equivale a "toda a superficie calcinada durante o ano 2009".
Esta "política de ocultación" que reprobou a parlamentaria socialista inclúe unha estratexia de "negación da evidencia", dado que -segundo sinalou- a Consellería de Medio Rural "segue negando a afectación" do Parque Natural do XURÉS derivado do incendio en Lobios (Ourense).
De igual forma, denunciou que a Xunta está a "presionar os medios de comunicación, sobre todo aos públicos" para "silenciar" as informacións sobre incendios forestais e que tamén está a "exercer presión" para que as medicións dos perímetros afectados non superen as 20 hectáreas e así "poderlles ocultar" os lumes aos xornalistas -Medio Rural só dá conta dos incendios que superen esta superficie-.
A XUNTA "PON O ACELERANTE"
Tras as críticas sobre a política informativa do departamento que dirixe Samuel Juárez, tocoulles a quenda aos labores de limpeza de montes e núcleos rurais como medida de prevención de incendios.
Verdes acusou o presidente da Xunta e o conselleiro de Medio Rural de poñer "o acelerante" nos montes galegos ao recortar 8,7 millóns de euros en prevención e dotación das cuadrillas antiincendios "coa escusa da falsa austeridade" e alertou de que iso "pon en risco as vidas e o patrimonio de todos".
INFORME "SERIO E EXHAUSTIVO"
Pola súa banda, a voceira de Montes do Grupo Parlamentario do BNG, Tereixa Paz, reclamoulle á Xunta a elaboración dun informe "serio e exhaustivo" sobre as causas do falecemento de dous brigadistas en Fornelos de Montes para "determinar as circunstancias" en que aconteceron os feitos.
Así as cousas, a nacionalista rexeitou "prexulgar" ou resultado dese informe e, por iso, considerou que é "prematuro" comezar a pedir dimisións. "En función dese informe, coñeceranse as responsabilidades", resolveu.
A marxe diso, defendeu que a Xunta debe comezar a actuar en prevención para evitar que os incendios forestais se convertan en "un mal crónico ou endémico" de Galicia. Así, apostou por manter limpos os núcleos rurais e os montes e por poñer en marcha políticas de "posta en valor" do monte "para que non sexa unha polvoreira a mercede de quen lle queira plantar lume".
© 2013 www.galiciahoxe.com
Todos os dereitos reservados. Prohibida a
reprodución total ou parcial do contido sen a
expresa autorización do propietario.