Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
Estamos no mundo ao revés. Ou tal vez non. Simplemente o lobo deixou atrás o disfraz de avoa bondadosa e agora se nos presenta coa faciana que sempre tivo. O PSOE, noutrora o campión do Estado, o inimigo feroz da burguesía privatizadora que unicamente se move a prol dos intereses dos ricos e contra os pobres traballadores, acaba de descubrir que non hai nada como a economía de mercado en momentos de crise. O presidente Zapatero quitou xa a derradeira careta e súmase eufórico coma un novo converso á venda do magro patrimonio que aínda lle queda ao Estado. A idea é arrincar algunhas frangullas que de nada lle han servir porque demostrou ata a saciedade que é incapaz de xestionar os cartos públicos. Dende logo estalle a dar a razón á ex primeira ministra británica, Margaret Thatcher. É evidente que o socialismo fracasa cando se lle acaban os cartos dos demais.
Nun alarde de imaxinación sen precedentes, o Goberno "socialista do rojo Zapatero" decidiu cubrir os seus desbaldimentos a poder de castigar de novo os cidadáns de a pé. Desta volta aos xa de seu sufridos fumadores. O curioso é que unha vez máis, teima en vender a pel do oso antes de cazalo. E así calcula que obterá 780 millóns de euros máis malia que todo apunta a que o consumo baixará sensiblemente a partir de xaneiro. ¿Lembran aqueles orzamentos elaborados con base en cálculos irreais porque xa se albiscaba a crise, e que non se rectificaron?
A falta de iniciativas, o partido que tanto criticou as privatizacións do PP fai agora o propio coas Loterías do Estado e coa xestión dos aeroportos. E no cumio das políticas sociais deste Goberno progresista onde os haxa, está a supresión da axuda deses misérrimos 426 euros aos parados que quedasen sen subsidios. A medida resulta especialmente sangrante porque o paro é unha pesada lousa que nos inmobiliza e afecta a case o 20% da poboación en idade de traballar. Segundo os datos do INEM, son xa máis de catro millóns cen mil os españois que se erguen cada mañá sen teren nada que facer e sen perspectivas dun futuro máis benigno. É máis arrepiante se cabe. Case a metade deses desempregados vive en fogares nos que ninguén traballa. ¿Cabe na cabeza do noso Goberno a envergadura da traxedia que padecen estes veciños nosos? Evidentemente non. Zapatero remata coa axuda aos parados de longa duración, pero permite a inmensa fraude fiscal das profesións liberais, poño por caso.
Como consecuencia da desfeita, encabezamos a lista dos países con máis pobreza infantil, só superados por Portugal. E sufrimos un serio retroceso con respecto aos vinte e un países da OCDE nos parámetros de benestar material, educativo e, sobre todo, sanitario.
Hai tempo que o presidente Zapatero semella un boxeador noqueado, que bracea pateticamente na procura das cordas salvadoras. Ten o sorriso falseado e a mirada extraviada, coma os depresivos ciclotímicos que se bloquean ante as dificultades, incapaces xa de gobernar a súa vida. E aínda así ten a sorte dos principiantes. A inicuidade que perpetrou o Consello de Ministros quedou tapada pola barbarie dos controladores aéreos. E mesmo aquí seguiu o suposto guión da dereita: militarización, terceiromundista peche do espazo aéreo e declaración do estado de alarma. Todo para conseguir que cumpra as súas obrigas laborais un coletivo de privilexiados cuxa soberbia alimentou en parte. Medidas que hai só medio ano Zapatero negaría tres veces e lle atribuiría sen pestanexar á dereitona reaccionaria.
A pregunta parece obvia. Se o PSOE cre que para que un país funcione cómpre aplicar as medidas económicas e de forza que de sempre se identificaron coa dereita, ¿por que agardou tanto para acabar dándolle a razón? ¿Era preciso sumir o país no caos e case que na creba? Para esta viaxe non eran precisas tantas alforxas de marxismo rancio como nos venderon..
