Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

fiestra aberta

Rajoy en acción?

MANUEL CENDÁN   | 17.12.2010 
A- A+

O Goberno Zapatero leva unha mala racha. Só lle faltaba a paralización dos aeroportos españois na ponte da Constitución. Pero, acabou resolvendo a situación causada polo abandono dos controladores aéreos; outra cousa será o debate ou as accións que se derivarán da militarización aérea, da interpretación unilateral do convenio colectivo ou das diversas lecturas políticas e sindicais do acontecido. Así como os efectos á propia imaxe de España, do Goberno e dos seus ministros.

Fronte a isto, estrañoume as primeiras palabras do líder da leal oposición, Mariano Rajoy, illado no aeroporto de Lanzarote. Demasiada mesura. Soamente pedía que se informara do acontecido e que se solucionara o problema e logo anunciou xa que ía apoiar o Estado de Alarma decretado.

No medio soubemos das reunións previas dos controladores co Partido Popular. Sería bo que os cidadáns coñeceramos de que falaron. Tamén, saber como se chega a esta situación, alén do ruído e as descualificacións globais á actitude insensata e histérica dunha boa parte dos controladores aéreos.

É necesario abrir as portas a unha solución que a medio prazo poida serenar a situación dende a cordura. Nin o corporativismo insolidario nin a militarización son sinais dunha sociedade madura e democrática. Así como que a grande achega de quen presume de ser a cabeza dun hipotético goberno alternativo, sexa un vídeo colgado na rede, dedicándose a posar e asinar autógrafos nun aeroporto bloqueado.

A acción implica a determinación de facer cousas, e non de quedar simplemente á espera de que che saquen as castañas do lume ou que os votantes socialistas vaian á abstención... En fin, Mariano en acción..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS