Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 12.11.2019 Actualizado 12:08
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

EXPLICAR(SE) GALICIA

Ramón Villares: “Non podemos pensar a Galicia moderna sen aqueloutra Galicia americana”

JOAQUIM VENTURA  | 05.11.2019 
A- A+

Portada do libro

En toda construción dunha identidade (xa que logo, con vocación nacional), hai diversas fases: delimitar o obxecto, atribuírlle a condición de suxeito e conseguir que os –cabería dicir- pacientes, os connacionais que o conforman, collan conciencia de tal singularidade. Claro está que pode suceder que os alleos lla concedan a ese obxecto-suxeito histórico sen que os naturais rematen de tomar conciencia.

Tal vez por iso, exercicios como o que ven facer Ramón Villares con Galicia. Una nación entre dos mundos (Pasado & Presente) queira explicar aos lectores non galegos a realidade histórica desta terra pero asemade o faga cun (involuntario?) exercicio de reflexión cuxos destinatarios serían os propios galegos.

De maneira simultánea pero cunha visión en paralelo, Villares establece tres cadros: a realidade física (xeográfica, humana), cultural e mais histórica de Galicia, os diversos intentos de interpretala e esoutro espello da Galicia emigrante en América. Debuxa o primeiro cadro, “Formación dunha nación-cultura” arredor de dous eixos: Terra, pobo e historia, e pais-nación; o segundo, “A procura dos antepasados”, con dous enfoques ou invencións: o celtismo e mais o medievalismo; e xa o terceiro, “A conexión americana” a partir dos destinos das migracións galegas.

Na primeira parte, desenrola diversos aspectos da dimensión nacional de Galicia. O primeiro, a súa conformación como nación cultural a falla da imposibilidade de acadar unha dimensión estatal. Apartado amplo no que reflexiona da contorna xeográfica do país (desde a Gallaecia histórica) na cal os seus habitantes, ao longo dos séculos, foron conformando unha comunidade con diversas aportacións, invasoras ou non.

Salienta, especialmente, a estruturación demográfica e relixiosa encetada por Martiño de Dumio durante a época sueva e a súa posterior relación co réxime feudal e a emerxencia das primeiras cidades medievais. E nese tema, o papel central de Xelmírez e a diverxencia entre Galicia e o emerxente condado de Portugal, ben axiña convertido en reino con Afonso Henriques.

Momento aquel que sempre foi visto con nostalxia polos galeguistas –actitude da que non escapa Villares- en tanto en canto Galicia non foi capaz de dar o mesmo paso. Non hai dúbida do proveito renovador que supuxo o enxerto dos borgoñóns Raimundo e Henrique coas fillas de Afonso VI. Pero se o fillo do segundo acadou a independencia portuguesa, o do primeiro, Afonso VII, estableceu as bases da futura expansión de León e Castela. E perante ambas empresas, a nobreza galaica (comezando polos Traba) dividiuse a prol delas (sen esquecer a segunda vaga que supuxo a conquista do val do Guadalquivir). Ante tales circunstancias e unha vez en decadencia o camiño a Compostela, Galicia ficou desconectada dos centros de poder.

E pasados os séculos, os primeiros esforzos para recuperar a identidade galega a partir do Rexurdimento (aceptemos esta denominación para entendermos) e das Irmandades da Fala, empresa frustrada polas consecuencias da sublevación militar de 1936. E nesa vontade de recuperación, Villares analiza a procura dos antepasados, con dúas vías empregadas: o celtismo e mais o medievalismo. O primeiro, a remolque da mitificación encetada en Escocia e Francia, especialmente, e o segundo, ao fío dos estudos históricos e do descubrimento dos cancioneiros medievais.

E a terceira parte, a conexión americana de Galicia, especialmente a partir das migracións masivas, que Villares focaliza –a maneira de fenomenoloxía- en tres cidades: Buenos Aires, La Habana e São Paulo. Destinos diferentes por diferentes circunstancias. Salienta dúas características, especialmente no caso da Arxentina: a nula implicación coa política local, a repetición en destino das dimensións nucleares de orixe (concellos) e, consecuencia diso, a ausencia dunha filantropía de gran dimensión, ficando reducida a microfilantropías colectivas (a prol dunha escola, por exemplo). Pero a análise non pasa disto. Non hai explicación das causas da emigración e non hai apenas autocrítica dos efectos en destino da mesma, seguindo a ignorancia que case sempre observou a crítica galega (salvemos a Xosé Lesta Meis): pouca repercusión na formación de elites, explotación dos chegados de novo por parte de familiares, vinculación co réxime franquista fronte aos sectores galeguistas.

Con todo, cabe saudar este exercicio de reflexión para entendermos e que entendan Galicia e a importancia da súa conexión americana, sen a cal –por ausencias e por presenzas- non se pode analizar a realidade galega do século XX.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS