Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.11.2019 Actualizado 23:31
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Reconquista e resistencia na campaña electoral permanente

XOSÉ A. GACIÑO  | 30.01.2019 
A- A+

Consumado en Andalucía o primeiro capítulo da segunda reconquista proclamada pola extrema dereita (empezando agora por onde rematou a primeira: até chegar, marcha atrás, a Covandoga?), segue adiante a campaña electoral permanente que se desenvolve en España polo menos desde o 2015, con gobernos en funcións ou en minoría pouco funcional, con sobresaltos territoriais que non se sabe se son causa ou efecto de continuos movementos recentralizadores dun poder limitadamente descentralizado, coa dereita fragmentada pero en pragmática harmonía e coa esquerda esgotada de tantas chamadas á unidade desde sucesivas fragmentacións nada harmónicas.

Entre un proxecto de orzamentos que navega por mares parlamentarios incertos e unha cita electoral cargada de inquietantes seguridades, sen esquecer a proba de fogo do xuízo contra os dirixentes políticos cataláns acusados de rebelión, o actual goberno español máis ou menos provisional móvese no centro da tormenta política. Quizais no centro mesmo, se entendemos na súa literalidade as críticas e acusacións, simultáneas e contraditorias, que recibe de case todas partes. Continuador da vía represora, segundo os independentistas cataláns que lle reclaman xestos imposíbeis, e marioneta deses mesmos independentistas (mesmo cómplice do seus intentos de golpe de estado), segundo a poboada oposición de dereitas, que entende que xa non hai nada máis que falar cos políticos cataláns, salvo comunicarlles unha nova aplicación, esta vez con carácter permanente, do artigo 155 da Constitución.

O aínda presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, sitúa ao presidente do goberno español, Pedro Sánchez, no traseiro do presidente estadounidense, Donald Trump, e comínalle a que convoque en España as eleccións que reclama para Venezuela (“presidente non electo”, dille), en perfecta sintonía coa postura das dereitas españolas. Estas dereitas, sen embargo, na cuestión venezolana, cualifican directamente a Sánchez de covarde por non atreverse a recoñecer directamente a Juan Guaidó como presidente de Venezuela e darlle un prazo de oito días a Maduro para que fose el quen convocase novas eleccións presidenciais.

No medio, as mobilizacións de taxistas -e as reaccións de condutores de VTC dando a cara polos seus patróns multinacionais- en Barcelona e Madrid, nun arrevesado conflito que anda a salpicar a todas as administracións en vésperas dunhas eleccións que, entre outros, afectan aos dous grandes concellos do cambio (como lle chaman os dirixentes de Podemos, dos que parece que copiaron os líderes das dereitas para definir como goberno do cambio o que veñen de constituír en Andalucía: cousas da polisemia, que neutraliza o contido político transcendental que algúns lle queren dar a unha palabra que, en principio, só describe movementos físicos).

De aquí a maio, aínda poden multiplicarse as impaciencias, as angustias, os temores e as torpezas de cada un dos protagonistas desta carreira polos diversos chanzos do poder. De momento, fronte á épica da reconquista que propón a dereita máis extrema, o espírito de resistencia coa que as esquerdas tratan de recuperar a confianza do seu electorado máis desenganado. Estratexias de urxencia, máis baseadas no medo ás barbaridades do outro que nas esperanzas positivas que un pode ser capaz de xerar.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS