Estes días estivo en Galicia o hondureño Bartolo Fuentes, xornalista, redactor da revista Vida Laboral e dos informativos Común Noticias. Participante da loita dos traballadores das maquilas, organizador de sindicatos en San Pedro Sula e El Progreso. Actualmente, é o coordinador da FNRP para o Departamento de Yoro.
A Fronte reúne un gran número de entidades políticas, sindicais e mais sociais contrarias ao réxime ditatorial actual, e que van dende o centro á esquerda; aínda que a maioría dos seus membros non pertence a ningunha organización concreta, cidadáns indignados contrarios ós golpistas, e que se definen de seu, simplemente, como resistencia pura.
Fuentes é hoxe expresión dunha pacífica loita, que xa non ocupa grandes espazos nos informativos, situación que é aproveitada polo réxime para reprimir e incluso asasinar dirixentes sociais de base, nun intento de acabar coas aspiracións á plena democracia e independencia do pobo de Honduras.
Un exemplo desa loita é a represión sobre os campesiños que, tras a caída do presidente constitucional Manuel Zelaya, foron expropiados en favor dos golpistas e o réxime para xustificarse, acúsaos de supostas prácticas guerrilleiras adestrados polas FARC e ETA. Non lles soa isto a manipulación mediática?
Bartolo Fuentes na nosa terra estivo invitado por Acsur, Amarante, a Coordinadora de Crentes Galegos, Wipala, Cosal, Fuga em Rede e Fuco Buxán. Tivo ocasión de entrevistarse con voceiros dos tres grupos no Parlamento de Galicia. E no caso de Ferrol, ademais dun acto público, tivo encontros con dirixentes locais de UXT, CCOO e CIG.
Que a Honduras democrática teña voz, depende de que nós os acompañemos solidariamente na súa loita exemplar..