Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 13.12.2019 Actualizado 21:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

A reviravolta española

Núñez Seixas analiza con rigor o problema da identidade de España

Xosé M. Núñez Seixas - FOTO: RTVE
Xosé M. Núñez Seixas - FOTO: RTVE

JOAQUIM VENTURA  | 29.11.2019 
A- A+

Xosé M. Núñez Seixas ven de gañar o Premio Nacional de Ensaio por Suspiros de España. El nacionalismo español 1808-2018 (Crítica). E tal circunstancia é unha boa ocasión para reflexionar sobre este traballo que non fixemos cando se publicou agora hai un ano.

A primeira consideración a facer é sobre o perfil do autor. Non foron habituais as reflexións sobre España e a súa identidade formuladas desde Galicia, agás das feitas por alguén instalado  nas estruturas do Estado (caso de Manuel Fraga, por exemplo). Por iso, a análise de Núñez Seixas ten o valor de encarar o asunto desde un pensamento periférico pero non “periferista”, é dicir desde un punto de vista focalizado na orixe, que neste caso sería o galeguismo. É, por tanto, unha análise distanciada pero sen perder de vista que tamén forma parte do problema. Unha análise que non se cingue ás dimensións do nacionalismo español –ou do simple españolismo como pertenza- senón tamén dos outros nacionalismos.

Este ensaio fuxe voluntariamente da erudición académica pero respecta escrupulosamente o rigor de análise, cousa que o fai accesible a calquera lector. Sitúa a orixe da primeira percepción nacional española na constitución de Cádiz, en tanto que resposta ao absolutismo borbónico e á ocupación napoleónica. Segue a estudar as manifestacións -liberais ou autoritarias- que lle seguiron.

Pero o valor da análise está en situar aqueles elementos –agochados na historiografía oficial e escolar- que foron construíndo o discurso nacionalista español ao longo de dous séculos. O primeiro, a ausencia dunha empresa colectiva que servise para construír unha identidade española común e que superase as estruturas do Antigo Réxime: os únicos conflitos “nacionais” (a loita entre liberais e carlistas foron guerras civís ao cabo) que tivo España no século XIX foron a guerra de África, comandada por Prim, e a guerra de Cuba, Puerto Rico e Filipinas, que supuxo a perda dos restos do imperio.

E foron as consecuencias deste conflito as que deseñaron a implosión nacionalista española moderna, que tivo dúas manifestacións opostas. Unha, serían as introspeccións rexionalistas, que foron desde o neocastelanismo da Generación del 98 ata o catalanismo da Solidaritat, o vasquismo de Sabino Arana e o galeguismo das Irmandades da Fala, Outra, protagonizada polos damnificados pola perda das colonias (comezando polo exército); ao seu regreso a España, reaccionaron cunha involución nacionalista que trocou o inimigo exterior (os mambises cubanos, os Estados Unidos) polo inimigo interior que emerxía en forma de nacionalismos periféricos, unha mostra do cal foi o asalto á revista Cu-cut e a La Veu de Catalunya (1905) que levou á promulgación da Lei de Xurisdicións.

Un españolismo militarista que ben axiña dominou o réxime monárquico en decadencia e impuxo a emerxencia dos oficiais africanistas que, anos despois, foron a base da sublevación militar de 1936 e da consecuente ditadura franquista, negando a experiencia dun españolismo de base democrática coa II República.

E non sería ata 1977 –segue a analizar Núñez Seixas- cando a identidade española pasou a estar vinculada a un proxecto democrático, plasmado na Constitución de 1978. Malia a súa suposta perfección ten erros de base, como considerar as provincias (artificiais ao cabo) como base territorial e dar o dereito á autonomía a unhas nacionalidades e rexións daquela formalmente inexistentes. Unha constitución que establece unha soberanía popular se ben con interpretacións distintas incluso dentro do unitarismo, que non sempre tivo conciencia da pluralidade nacional (ou, polo menos, lingüística) de España. Unha diferencia de criterios que segue a estar ben viva, como demostran as últimas eleccións.

Un nacionalismo español que coa coartada da democracia, segue a ter unha concepción castelanista que segue a considerar as outras linguas faladas no Estado como un lastre que non hai máis remedio que aturar. Un nacionalismo que sitúa aos cidadáns monolingües en castelán como posuidores de todos os dereitos, incluso en colisión das outras linguas que teñen a condición de oficiais (non digamos das que non a teñen, como é o galego en Asturias e León ou o catalán en Aragón, degradado a LAPAO por un goberno do PP).

Mal asunto cando a estas alturas dos tempos un país ou un estado europeo, malia a súa longa historia en común (que non común), segue a dar voltas e reviravoltas sobre a identidade de seu e sen un proxecto colectivo.             

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS