Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.05.2019 Actualizado 12:54
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 12 de 12 noticia anterior de Portada Portada  |   RSS - Portada RSS

A rúa salmantina onde viviu a Balteira

Conserva o mesmo nome máis de oito séculos despois

JOAQUIM VENTURA  | 16.05.2019 
A- A+

En 1288 Pedro Amigo, cóengo da catedral de Oviedo e “compañeiro” da de Salamanca, mercou a un crego da igrexa de San Martín, Pedro de Vicio, dúas casas situadas na rúa Forno de Canóniga; lindaban coas casas dos xudeus Çague de Medina e Reina; entre as testemuñas, aparecía Johan Pérez, irmán de Pedro Amigo. Ao ano seguinte, este doábaas ao cabido salmantino con dúas condicións: que nelas morase durante toda a súa vida María Pérez e que nos cabodanos se ofrecese unha misa pola alma do pai do cóengo, na vixilia de San Pedro.

Estes documentos foron exhumados do arquivo catedralicio de Salamanca por Federico de Onís en 1908, cando defendeu a súa tese de doutoramento, e publicados o ano seguinte. En 1934 M. García Blanco divulgounos na Revista de Filología Española e a partir de 1942, Ramón Menéndez Pidal (Poesía juglaresca y juglares) confirmou que ese cóengo Pedro Amigo era, sen ningunha dúbida, o Pedro Amigo de Sevilla dos cancioneiros medievais galegos. E en consecuencia, esa María Pérez sería a Balteira, retirada na súa vellez en compañía de quen supuña o seu derradeiro amante, circunstancia da que discrepo absolutamente (nese senso nun congreso que se vai celebrar a finais do verán presentarei documentación que o desmentiría).

Estiven hai uns días en Salamanca e procurei un anaco para achegarme a esta rúa. Conserva o nome, “calle Horno”, pero amais de perder a súa denominación orixinal leonesa –a que aparecía nos documentos de compra-venda de Pedro Amigo- tamén perdeu a referencia da súa dependencia. Segundo o web Salamanca Espectacular, o “de Canóniga” viría por estar nela o forno propiedade do cabido aínda que habería unha segunda versión que suxeriría que o nome estaría motivado pola muller que o rexentaba e que eventualmente estaría amancebada con algún cóengo. Penso que a opción válida sería a primeira, en tanto que nos documentos de Pedro Amigo a preposición é “de” e non “dela”. Sospeito que ese ‘Canóniga’ sería a derivación en leonés de “canonica”, plural do neutro “canonicum”.

Houbo moitos fornos en Salamanca que deron nome ás rúas onde se situaban pero coa perda de cadansúa referencia, a que nos ocupa pasou a ser chamada “Horno Primera” para diferenciala doutra “Horno Segunda”; cando en 1959 esta lle foi dedicada á madre María Bonifacia Rodríguez Castro, aquela ficou simplemente como “calle Horno”.

Esta rúa está situada entre Tavira (que desemboca na praza que cerra o lado sur da catedral) e Veracruz, na zona que na Idade Media era a xudería salmantina. Desde Tavira descende en considerable baixada cara ao río Tormes, ao que chegaríamos se seguísemos por Tentenecio (saíndo á vella muralla). Aqueles cóengos que, como Pedro Amigo, vivisen nela estarían a un paso da catedral e dos servizos que lles demandaba.

Malia que a fisionomía actual desta rúa é ben diferente da que tería a finais do século XIII, cando nela morou a Balteira, aínda hai riscos de que quince das súas casas (segundo o web citado) pertenceron ao cabido da catedral. A numeración actual vai, en sentido descendente, dos impares 1 a 21 e os pares 2 a 22, o que dá unha estrutura urbana bastante simétrica a lado e lado. Temos restos da numeración usada en tempos pasados en dúas casas contiguas do actual lado de impares, que conservan nas súas portas de doelas os números que tiveran, concretamente os 34 e 35, e labrado na pedra a marca de propiedade: “Yglesia Mayor”.

Son poucos os xograres e trobadores de noso (agás os reis e mais os grandes señores) de quen coñezamos onde viviron. A fortuna de sabelo de Pedro Amigo e de María Pérez ‘Balteira’ é, polo tanto, unha circunstancia insólita. Certo é que esta recibiu diversas homenaxes, incluso urbanísticas, como o centro social municipal de Lugo que leva o seu nome na rúa Angelo Colocci (o humanista italiano que copiou os nosos cancioneiros medievais).

Pero non estaría de máis que as institucións galegas fixesen algunha xestión perante o concello de Salamanca para que nunha das entradas desta “calle Horno” unha placa lembrase aos visitantes que nela moraron o trobador e mais a soldadeira a finais do século XIII.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS