Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
A finais de ano publicáronse dous artigos contrapostos sobre o resultado das eleccións en Catalunya nas liñas de Xornal de Galicia. Ámbolos dous asinados por pesos pesados do socialismo galego: PSC e PSdeG, a mans dun destacado membro do anterior goberno de progreso, Méndez Romeu, e unha extensa e atinada análise feita por Xoaquín F. Leiceaga baixo o título Cataluña e nós. Compartían interese comparativo mais discrepaban notablemente no fondo e na mensaxe, tanto para consumo interno-partidario como cara a fóra. O segundo semellaba unha contundente e nada casual resposta ao primeiro. Por esas datas tamén publicou Emilio P. Touriño en El País De elecciones y coaliciones, o cal contiña máis similitudes co espírito do que Leiceaga defendía que co que pode desprenderse do redactado polo ex conselleiro de Presidencia do seu propio goberno. Todo isto foi interpretado nun maxistral artigo de opinión de Anxo Guerreiro que saíu a posteriori no xornal do Grupo Prisa, e que recomendo.
A vontade de Méndez Romeu, cun certo prexuízo ideolóxico e algunhas valoracións e interpretacións do acaecido cuestionables, consistiu en transmitirlle á opinión pública o esgotamento das coalicións por resultaren estas, supostamente e sempre segundo a súa teoría, prexudiciais para os intereses electorais do PSOE como se "mostrou" nos resultados en Galicia e Catalunya. A intencionalidade é clara e diáfana, e non atende á multiplicidade de causas que reflectiron os resultados nun e noutro lugar. Representa a opinión de alguén que, lexitimamente, aspira a que o PSdeG sexa quen de gobernar en solitario sendo un acontecemento que, dadas as actuais circunstancias sociopolíticas, se revelaría como unha improbable e arredada hipótese na maioría dos concellos e no eido autonómico.
Leiceaga e Touriño sostiveron dun xeito consistente e mellor argumentado a tese contraria: a aposta polo entendemento e a defensa da cultura do pacto como única alternativa plausible aos gobernos do PPdeG. Intentar o xiro estratéxico proposto por Méndez Romeu condenaría os cidadáns galegos que non son nin se senten reflectidos nas políticas de dereitas a sucesivos gobernos populares alomenos por un bo espazo de tempo, e enviaría un perigoso sinal de confusión a todos aqueles que veñen traballando na liña de artellar canles de colaboración dentro do tecido social e político da esquerda galega. Puidera dicirse que aquilo que naceu con Nunca Máis ou antes, e logo se trasladou a outros ámbitos das reivindicacións e da articulación de propostas, atópase ameazado por mor de intereses curtoplacistas dende algúns sectores dirixentes do PSdeG (e do BNG) que prefiren desmarcarse do que tanto tardou en tecerse e tan bo resultado deu (salvando os erros propios da acción de goberno, evitables, e dos cales deberan aprender), pero que resiste e atopa substancialmente maior acomodo e comprensión na base que nas alturas.
Todo isto vén a conto de algo que non sempre se recorda, e incluso algúns teiman en superar, e outros intentan explotar: o PSOE é un partido organicamente federal, e nominalmente federalista, e nas nacionalidades históricas convive coas contradicións inherentes ao feito de inserirse nas realidades nacionais (pre)existentes, presentando tensións internas entre lealdades identitarias que outros fomentan como incompatibles pero que tamén, todo hai que dicilo, mobilizan ao electorado en menor medida, por regra xeral, que o cleavage esquerda-dereita. As recorrentes dúas almas. Moi especialmente no caso da historia da construción do socialismo catalán. Dito isto, non é de estrañar tampouco (para outros si) o caso da incorporación do socialista Ferran Mascarell ao Govern transversal de Artur Mas. Un goberno maioritario concibido dende a óptica da concentración para combater a crise e afrontar o que se deu en chamar a transición nacional cara á independencia (económica). Goberno que integra dende un organizador das consultas soberanistas a unha avogada do Estado que as impugnaba, pasando por case toda a gama de sensibilidades da pluralidade enriquecedora e dinámica da sociedade catalá. Dutra banda, reaparecen voces no seo do PSC (Pia Bosch, Montserrat Tura, Antoni Castells, Ernest Maragall, et ál) que reclaman autonomía efectiva respecto do PSOE, acompañado dunha volta ao catalanismo convencido, mesmo coa posibilidade aberta de acadar grupo propio en Madrid. As dúas almas....
