Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 10.14

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Portada  |  RSS - Portada RSS

CALIDOSCOPIO

Sen mobilización non hai futuro

12.09.2010 

4.5/5 [2 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

MANUEL MERA

As medidas que se están tomando por parte do Goberno español (PSOE), alentado pola patronal CEOE e os organismos financeiros (Banco de España, BCE, FSM, etc.), seica son fundamentais para recuperar o crecemento e xerar emprego. Todo se supedita a rebaixar salarios e gastos sociais no sector público, así como diminuír custos laborais e pagamento de impostos na actividade privada. Agora ben, por este camiño debilítase o consumo interno, ao perder capacidade adquisitiva a maioría social, e calquera mellora depende en exclusiva das exportacións e da merca de bens de luxo.

Polas decisións que se están tomando por parte do Estado español, e outros gobernos da zona, todo amosa que non se pretende ser máis competitivos en calidade, como obxectivo central, senón que se trata de facelo minorando os custos. Non é unha novidade, porque foi o camiño que se tomou en varias oportunidades nas últimas décadas, por máis que sempre se fixeran promesas de evitar a súa repetición investindo máis en tecnoloxía. En moi poucos sectores se apostou pola investigación, pola calidade, os empresarios normalmente preferiron obter maiores beneficios e ampliar as actividades: especulación financeira, prestación de servizos de carácter público (por certo un negocio en expansión en Galiza co PP na Xunta), a burbulla inmobiliaria...

A rebaixa de impostos directos e aumento dos indirectos, a redución dos salarios dos empregados públicos e das prestacións sociais, as menores indemnizacións por despedimento, etc., son medidas que non favorecen a maioría social, senón que fundamentalmente lle dan folgos a unha maior concentración e centralización da riqueza. Agora ben, neste intre as grandes empresas superaron os números vermellos e obteñen grandes beneficios, polo que estas medidas mesmo eran innecesarias de se manter un repartimento do bolo anterior á crise entre capital e traballo. Porén, como afirma algún analista, para as clases dominantes, a crise é unha oportunidade para redefinir as relacións sociais, sen ter en consideración os custos humanos, desde a súa óptica o país son as empresas (é dicir: os empresarios), como na Idade Media eran os nobres e fidalgos.

Dada a concepción imperante non se poden considerar estas decisións como conxunturais, e que dentro de dous ou tres anos todo volverá ser como antes da crise. Pensemos nos custos que ten hoxe unha caída do PIB de só o 3,6% en 2009 para a clase traballadora, moitos autónomos e pequenos empresarios. Dentro dalgún tempo, cando se esquezan os efectos deste axuste, volveranse tomar novas medidas para salvar as empresas e manter a competitividade, como xa se fixo hai varios anos, e funcionoulles daquela e de novo agora. Non quere dicir que os asalariados aceptaran pasivamente estes retrocesos, abonda con ollar os centos de protestas, porén hai que recoñecer que foron locais e conxunturais, por mor da debilidade na comunicación e que unha parte importante dos sindicatos (CCOO e UGT) optaron desde o primeiro momento pola negociación en pasividade, ao que cómpre sumar a dereitización da socialdemocracia. Houbo intentos de empurrar a unha dinámica mobilizadora (CIG, ELA, LAB...) para facerlle fronte á presión da dereita (PP, CIU...) e condicionar a postura do Goberno central no Estado (e da Xunta de Galiza na nosa nación).

A convocatoria da folga xeral do 29 de setembro é serodia ¡porén necesaria e importante! Non só porque pode deter ou limar aspectos da reforma laboral, senón porque ademais condiciona con que criterios se vai aplicar por empresarios e maxistraturas, e pode frear novas propostas moi negativas: en materia de pensións, negociación colectiva, maior privatización da xestión dos servizos públicos. Ademais, a isto compre engadir todo o relativo ao criterio fiscal, orzamentario, e da esixencia de responsabilidades aos empresarios que lle deron folgos á crise, por avaricia. Supeditalo todo a este paro sería un erro e unha utopía, non é máis que un paso (importante) nunha batalla máis longa, con avances e recuares, por conseguir gobernos realmente democráticos, é dicir: que respondan aos intereses das maiorías sociais. Porque esta é unha loita de clases, porén fundamentalmente política e de comunicación.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS