Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

DE EDITORIAL GALAXIA

Sentimento, fantasía e historias humanas no libro de relatos 'Acordes náufragos', de Antón Riveiro Coello

Antón Riveiro Coello - FOTO: Galaxia
Antón Riveiro Coello - FOTO: Galaxia

SANTIAGO. REDACCIÓN WEB  | 17.10.2013 
A- A+

Fantasías, lendas, amores, lugares,e tamén feitos históricos. Relatos de xentes sorprendentes e enhebrados co fío da imaxinación de Antón Riveiro Coello e que deron no libro titulado 'Acordes náufragos', da Editorial Galaxia. Son nove relatos escritos en diferentes épocas da vida do autor. Libro de relatos, fantásticos os máis deles, enfiados pola traxedia do naufraxio e tocados case sempre pola vea amorosa e sentimental dos seus protagonistas. Textos que evocan e recrean non só feitos recollidos pola nosa historia, coma o afundimento do vapor correo Santa Isabel na ría de Arousa en 1921, senón tamén lendas do río Limia, o amor tráxico dunha santeira cubana ou mesmo os tratos dunha nena con Valle-Inclán. Relatos todos eles que ofrecen una visión imaxinativa e sensible de seres solitarios, anainados polo pano de fondo dunha música que, coma unha orquestra líquida, ergue una voz fonda, abisal, capaz de chegar aos lugares máis ocultos dos soños.

Antón Riveiro Coello naceu en Xinzo de Limia, no ano 1964. Cursou estudios de Dereito na Universidade de Santiago e actualmente traballa na administración autonómica. Riveiro Coello é un dos narradores máis premiados dos xurdidos na literatura galega durante a pasada década. Ademais dun gran número de relatos en libros colectivos e revistas literarias ten publicadas as novelas Valquiria (1993, premio Camilo José Cela), A historia de Chicho Antela (1997), A quinta de Saler (1999), coa que foi finalista do premio Torrente Ballester, así como as recompilacións de relatos Parque Central (1996) e Airadas de palabras (1998), onde se recollen os contos que lle foron premiados nos certames Manuel Murguía e Modesto R. Figueiredo entre os anos 1991 e 1997. Con Animalia (2000) obtivo o premio Café Dublín corrrespondente a 1999. As rulas de Bakunin recibiu o premio García Barros en 2000, ano no que tamén logrou o Álvaro Cunqueiro de Narrativa con Homónima.

En 2007 publica en Galaxia A voz do lago, novela coa que se adentra na creación literaria para os lectores máis novos, e na colección Literaria 'Os ollos de K'.

Galaxia
Portada de 'Acordes náufragos'
FOTO: Galaxia

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS