Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.09.2019 Actualizado 20:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

Túnel de Conxo: en só nove días máis de 15.000 coches superaron os 111 Km/ h

Foron controlados máis de 180.000 vehículos entre abril e maio // "O 98 % dos condutores infrinxe o límite", afirma Gonzalo Muíños, que anuncia medidas para evitar esta situación

Varios vehículos circulando onte polo paso inferior de Conxo, onde a velocidade máxima está limitada a 40 e 50 Km/hora.  - FOTO: FERNANDO BLANCO
Varios vehículos circulando onte polo paso inferior de Conxo, onde a velocidade máxima está limitada a 40 e 50 Km/hora. - FOTO: FERNANDO BLANCO

SANTIAGO. SANDRA CUIÑA  | 21.08.2019 
A- A+

En só nove días máis de 15.000 vehículos circularon a unha velocidade superior aos 111 quilómetros por hora no túnel de Conxo, un punto limitado a 40 e 50 Km/ h, dependendo do carril polo que se vaia. Así o confirmou onte a EL CORREO GALLEGO, o concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños, que precisou que a medición "se realizou nos carrís de saída de Santiago, entre finais de abril e principios de maio".

Engadiu, ademais, que durante ese período de tempo controláronse "máis de 180.000 vehículos, dos cales máis de 15.000 circulaban a máis de 111 Km/ h". Para o responsable de Mobilidade, este dato "é unha auténtica barbaridade". "Está claro que temos que tomar algunha decisión ao respecto, xa sexa instalando un fotorroxo ou un radar fixo ou móbil", sinalou.

Muíños destaca, ademais, que "o 98 por cento dos condutores infrinxen a norma de velocidade" cando circulan polo paso inferior. De feito, dous redactores deste rotativo comprobaron na noite do martes, pouco antes das 22.00 horas, que en só os poucos segundos que se tarda en percorrer este túnel a 50 quilómetros por hora, máis de dez coches excedéronos cunha notable diferenza de velocidade sobre o límite permitido.

Os PRAZOS. Será a partir do mes que vén cando se coñezan as medidas en concreto que poñerá en marcha o Concello de Santiago para tentar reducir a velocidade dos automóbiles nese punto, segundo confirmou o edil. "Estamos a estudalo e estamos a manter reunións con técnicos e a Policía para analizar estes datos e tomar unha decisión a partir de setembro".

Muíños recalcou que o principal obxectivo do Concello é garantir a seguridade dos cidadáns e que as medidas que se tomen non terán como finalidade o afán recadatorio. "Calquera cousa que se faga, por exemplo se fose un radar, vaise sinalizar moito. Vai ser moi visible para os condutores, porque non o imos facer con afán recadatorio, o que máis nos preocupa son as medidas de seguridade e tamén temos intención de humanizar a contorna do paso inferior", puntualizou o concelleiro de Mobilidade.

O anuncio desta medida foi ben acollida polos residentes da zona. De feito, o presidente da Asociación Conxo Aberto, Xabier Sánchez, manifestaba hai uns días no programa Compostela na Onda, de Onda Cero a súa conformidade co proxecto. Tamén lembrou que se trata dunha das principais demandas da entidade desde que quedou aberto á circulación o paso inferior que atravesa o barrio.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS