Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
Hai unhas semanas afirmaba que o goberno do Reino de España fixera, nun momento moi delicado, unha xogada maxistral. Efectivamente, cando soaban as trompetas da banca e dos organismos neoliberais internacionais, que podían facer caer os muros da patria -estoume a referir, supoño que xa o adiviñades, aos temores de que baixase a cualificación da débeda soberana española-, e os mercados estaban necesitados de sinais que mostrasen que as reformas ían polo bo camiño, o goberno soubo transformar o rexeitamento unánime de todas as organizacións da esquerda sindical ao seu proxecto de reforma do sistema pensións -nun momento, ademais, no que varias desas organizacións convocaran unha folga xeral-, en aceptación do proxecto de reforma polos dous principais sindicatos estatais (CCOO e UGT). Ademais, no transcurso desas negociacións, o goberno conseguiu o que parecía imposible só uns días antes: a sinatura dun Acordo Social e Económico entre o goberno e as principais organizacións sindicais (CCOO e UGT) e empresariais (CEOE e CEPYME).
É certo que nese proceso de negociación se conseguiron suavizar algunhas das propostas máis duras do goberno en materia de pensións -sobre todo as relativas á progresividade da implantación da reforma e ao mantemento da posibilidade de xubilarse aos 65 anos (aínda que só se se teñen cotizados 38,5 anos)-, ao tempo que introduciron elementos novos -relativos ao coidado de fillos ou fillas ou á participación en programas de formación ou investigación-. Tamén é certo que ao estender o diálogo social a outros ámbitos, como ás políticas activas de emprego e outras de materia laboral, a política industrial, enerxética e de innovación, a función pública e a negociación colectiva, as organizacións sindicais asinantes lograron recuperar a axuda para as persoas en situación de desemprego que deixasen de percibir calquera prestación, agora reducida a 400 euros, e abriron a posibilidade de negociar políticas económicas fundamentais para promover un cambio de modelo produtivo.
Non obstante, eses logros foron acompañados de evidentes retrocesos: o aumento da idade de xubilación e do período de cómputo; a persistencia da dualidade do mercado laboral, pois as medidas establecidas para promover a creación de emprego incentivan a creación de traballos a tempo parcial e temporal, así como a aceptación do fondo de capitalización para as persoas traballadoras e todo o relacionado cos ERE, aspectos que xa se incluían na reforma laboral aprobada en 2010 e que, debido ao seu impacto negativo no mercado laboral, provocaran que eses mesmos sindicatos convocaran unha folga xeral o 29S; a aceptación de que a negociación colectiva se realice no ámbito da empresa...
En definitiva, uns logros ben liliputienses, cando menos se consideramos o recorte de dereitos que significan, pois as medidas aprobadas supoñen a degradación das políticas redistributivas e dos servizos públicos. Velaí a razón polo que o Acordo Social e Económico é un novo triunfo da patronal..
