Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
Quen saíu á rúa na mañá do 29 para comprobar in situ o seguimento da folga xeral, sen se fiar das ridículas cifras e contracifras coas que os sindicatos e a patronal agasallan os telexornais, saberá que, sobre todo se esas calellas de asfalto eran as dunha urbe obreira, como Vigo, o paro foi case absoluto. E a asistencia ás manifestacións ben copiosa.
Non aconteceu así, certo é, noutras localidades máis alleas á clase obreira -na que non está o funcionariado-, mais é evidente que a folga xeral foi iso, moi xeral alí onde moran e traballan os grandes damnificados polos recortes e reformas laborais de agora e do futuro inmediato. Vaia, que de innecesaria nada. E de inefectiva... xa se verá. Fronte ao desprezo co que os medios de comunicación trataron a pre-folga, a folga e a pos-folga, cun discurso tan ultraliberal como alleo ás necesidades e á dignidade da cidadanía asalariada, cómpre afirmar que os sindicatos seguen a atesourar un considerábel poder de convocatoria e mobilización. Ningún outro "axente social" ten esa capacidade.
Con todo, se esta última afirmación a confrontamos co descrédito que sen dúbida tamén atesouran as grandes centrais, haberá que concluír que o éxito cuantitativo da folga se debeu sobre todo a unha realidade esquecida polos medios e boa parte da cidadanía: hai moitísimos máis traballadores e traballadoras afectados polos plans de axuste do que se encargan de reflectir as tendenciosas olladas da prensa e os acomodados apuntamentos dos todólogos nos debates televisivos. Ao cabo, son maioría.
Dito isto, a ninguén escapa que as aparentemente boas pretensións das centrais maioritarias -CCOO e UGT- seguen a resultar cando menos dubidosas, por canto a convocatoria da folga foi feita tarde, sen convición e cunha intención que parece ter moito que ver coa necesidade de cumprir co expediente diante dos traballadores e traballadoras, mais pouco cun decidido enfrontamento ás políticas económicas -todas conservadoras- do goberno do Estado.
Eses sindicatos caerían nun grave erro se concluíran que teñen o respaldo incondicional da cidadanía activa. Pola contra, acertarían se caeran na conta de que as prácticas das súas direccións nos últimos lustros, acomodadas en mesas de "concertación" que só serviron para silencialos -e financialos-, foron infames, pois conduciron ao abandono da loita e da mobilización, que é o que ten que facer un sindicato.
Para que a clase traballadora se faga coa hexemonía social -e económica- cómpre que as organizacións sindicais muden de prácticas, mais tamén de obxectivos.
De prácticas múdase mirando un chisco ao pasado. Loitando nas rúas e nos centros de traballo todos os días.
De obxectivos, albiscando un futuro no que xa non cabe o produtivismo, o desenvolvementismo, o consumismo, o traballo a calquera prezo e o crecemento económico continuo a costa do orbe e da meirande parte da humanidade. Negar esta última realidade tratando de regresar á situación anterior á crise só traerá máis miseria, máis desigualdade e menos planeta.
