Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.09.2019 Actualizado 20:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

A USC mantense por sexto ano consecutivo entre as mellores universidades do mundo

Así o recolle o ránking de Shanghai, no que figuran as mil institucións académicas máis destacadas // A de Santiago figura no intervalo 501-600 // O reitor Antonio López valora positivamente os resultados

Fachada da Facultade de Medicina da USC - FOTO: FERNANDO BLANCO
Fachada da Facultade de Medicina da USC - FOTO: FERNANDO BLANCO

SANTIAGO  | 16.08.2019 
A- A+

Por sexto ano consecutivo, a USC mantense entre as mellores universidades do mundo. O Academic Ranking of World Universities (ARWU), popularmente coñecido como ránking de Shanghai, inclúe un ano máis a USC entre as mil mellores institucións universitaria do mundo, concretamente no intervalo 501-600. Dende a primeira edición deste listado, a USC suma un total de dez aparicións entre as mellores do mundo. ARWU utiliza seis indicadores obxectivos para clasificar as universidades, incluída a cantidade de ex alumnado e persoal gañador dos premios Nobel e das medallas Fields, a cantidade de persoal investigador altamente citado, o número de artigos publicados en revistas como Nature and Science ou o número de artigos indexados en Science Citation Index – Expanded e Social Sciences Citation Index. Anualmente, ARWU selecciona aproximadamente 1800 universidades e destaca as mellores 1000 universidades.

O reitor Antonio López valora positivamente os resultados, “mostra de que, sen atoparnos no mellor escenario posible, estamos obrigados a facer tanto ou máis con menos”. Esta posición da Universidade compostelá un ano máis entre as mellores do mundo é froito do traballo intenso de todas as persoas que integran os distintos colectivos universitarios nos ámbitos da docencia, a investigación e a xestión.

Ránking por materias

O mesmo ránking facía público a finais do pasado mes de xuño unha clasificación das mellores universidades do mundo ordenadas por materias temáticas concretas. Segundo esta clasificación, a USC é unha das universidades máis destacadas do mundo nun total de 17 ámbitos específicos das Ciencias Naturais, a Enxeñaría, as Ciencias da Vida, as Ciencias Médicas e as Ciencias Sociais. A de Santiago é unha das máis de 1.700 universidades de 86 países recollidas nesta versión por ámbitos temáticos específicos. Ademais dunha enquisa de excelencia académica, esta clasificación toma en consideración os datos bibliométricos de Web of Science e InCites para medir a grao de produtividade investigadora de cada institución analizada a súa calidade ou o alcance das colaboracións internacionais, entre outros aspectos.

A produción científica en Ciencia veterinaria é o ámbito da USC mellor valorado, xa que por esta materia a institución compostelá atópase na posición 76-100 das mellores universidades, seguido do de Tecnoloxía e Ciencia dos Alimentos (101-150) e Odontoloxía e Ciencias Orais (151-200). No intervalo 201-300 das mellores universidades do mundo, atópase a produción investigadora da USC en Ciencia da Agricultura, Enxeñaría e Ciencia da Enerxía, Enxeñaría e Ciencia Medioambiental, Xeografía, Física e Farmacia e Ciencias Farmacéuticas.

No seguinte intervalo, de 301 a 400, atópase a produción en Ciencias Biolóxicas, Biotecnoloxía, Enxeñaría Química, Química, Economía e Matemáticas. Completan este conxunto de disciplinas máis destacadas a investigación realizada en Ecoloxía e a de Saúde Pública, no intervalo 401-500.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS