Varela recoñece o "erro" de ler "Desván de los Monjes" e insiste en que cando o negou non foi unha "mentira"
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, recoñeceu hoxe, en sede parlamentaria, o "erro" de ler "Desván de los Monjes" en lugar do topónimo correcto, Sobrado dos Monxes, durante a presentación dunha oferta turística no evento Fitur
Roberto Varela insistiu en que, cando o negou que dixera "Desván de los Monjes" no hemiciclo, non usou a "mentira", posto que el non fora "consciente" das palabras pronunciadas naquel discurso.
"Vostede insultou a oposición", replicoulle a deputada nacionalista Ana Pontón rexeitando esas desculpas en relación coas palabras do conselleiro nas que asegurou que "había que ser estúpido" para crer que dixera mal o referido topónimo. A iso, a parlamentaria do Bloque sumou o feito "grave" de mentir" no hemiciclo.
Roberto Varela, que compareceu no pleno para abordar a conmemoración do Ano do Libro, usou os primeiros impases da súa segunda intervención para recordar que era a "primeira vez" que comparecía no Parlamento logo da intervención que provocou a polémica e explicou que o erro se debeu a unha tradución no último momento dun discurso escrito previamente en galego.
"Non fun consciente do erro, estaba cansado logo de 12 actos seguidos defendendo as comarcas" para a súa promoción turística, expuxo o dirixente autonómico, quen apelou á filosofía freudiana para defender que non foi "consciente" do que dixo. "Lino sen decatarme, tras ser informado, chamei as deputadas para pedir desculpas". "Teño dereito a ler sen darme conta, pero non mentín", insistiu o conselleiro, quen avisou os nacionalistas de que constitúe un "argumento bastante pobre" utilizar ese "erro" para arremeter contra a política do seu departamento.