Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.06.2019 Actualizado 20:38
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

Villares lémbralle a Iglesias que Podemos non logrou representación nas cidades galegas onde concorreu coa súa marca

O portavoz sostén que "En Marea non se moveu do sitio político" do seu nacemento, a diferenza de Podemos, "que abandonou a plurinacionalidade"

SANTIAGO. EP  | 10.06.2019 
A- A+

O portavoz de En Marea, Luís Villares, lembrou este luns, nunha mensaxe dirixida ao líder de Podemos, Pablo Iglesias, que o partido morado non logrou representación naquelas cidades galegas onde "decidiu rebentar espazos de traballo conxunto" e optou por presentarse coa súa propia "marca" electoral.

A preguntas dos medios este luns nunha rolda de prensa, Villares volveu a criticar ao líder do partido morado, nesta ocasión, polas súas palabras durante o Comité Cidadán Estatal nas que Iglesias lamentou a variedade de denominacións que recibiron as candidaturas apoiadas por Podemos nas eleccións locais e autonómicas do pasado 26 de maio.

Villares aproveitou para afirmar que estas declaracións constitúen un "exemplo" do "abandono" da dirección de Podemos das teses de "trasversalidade" e "pluranacionalidade" trala vitoria de Pablo Iglesias fronte a Íñigo Errejón en Vistalegre II.

Para o maxistrado en excedencia, a aposta por "un espazo político unificado, diverso e trasversal" foi o que fixo que En Marea se convertese en segunda forza nas eleccións autonómicas de 2016, logrando "un caso único en España nunha comunidade autónoma" ao dar "o sorpasso" ao Partido Socialista.

Un "logro" que, segundo Villares, "podería conseguirse noutras latitudes" se a dirección do partido morado "non negase a plurinacionalidade no orgánico e a transversalidade no político". "A reflexión (de Pablo Iglesias) parece que camiña no sentido contrario", engadiu.

"EN MAREA FOI UN ACERTO POLÍTICO"
"Para nós a creación de En Marea foi un acerto político", aseverou Villares cuestionado sobre os movementos de Esquerda Unida e Podemos Galicia para "reconfigurar" o espazo político da confluencia de cara ás autonómicas para as que, se non hai adianto, aínda falta máis dun ano.

"Non viñemos ser a esquina esquerda do espazo progresista", sostén o portavoz orgánico e parlamentario, que cre que En Marea "non se moveu do sitio político no que naceu", mentres "outros é evidente que si, o que lles levou a apartarse" do partido instrumental, en referencia a EU e Podemos.

Así as cousas, Luís Villares afirmou que se atopa "con enerxías" para continuar en política, aínda que evitou concretar se ten intención de ser candidato á Xunta por En Marea nas próximas eleccións ao Parlamento de Galicia, algo que, subliña, terían que avalar as bases da organización.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS