Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 13:06
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

VALENTÍN PAZ ANDRADE, HOMENAXEADO NO DÍA DAS LETRAS

Visionario e ideólogo dun futuro mellor para Galicia

Unha figura poliédrica deslumbrante con formas de xurista, xornalista, académico, conferenciante, político, poeta ou empresario // Persoeiros galegos repasan a súa traxectoria vital ao longo do século XX

Valentín Paz Andrade visto por Héitor Picallo - FOTO: HÉITOR PICALLO
Valentín Paz Andrade visto por Héitor Picallo - FOTO: HÉITOR PICALLO

SANTIAGO. EP  | 17.05.2012 
A- A+

"Unha das grandes figuras políticas, do pensamento económico, ensaísta e como poeta é unha figura central que atravesa o século XX gloriosamente. Alí onde se busque Galicia no século XX alí aparece, tarde ou cedo". Así define o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, a importancia do polifacético galleguista Valentín Paz Andrade, protagonista do Día das Letras Galegas deste ano e un dos grandes ideólogos que revolucionou a industria pesqueira.

Nacido o 23 de abril de 1898 na aldea de Lérez, moi preto de Pontevedra, e falecido en Vigo un 19 de maio de 1987. Pontevedra foi o escenario onde cursou os seus primeiros estudios, Bacharelato, e onde se iniciou a súa amizade con Castelao en 1916, que se estendeu ata a morte do político rianxeiro e que o espertou un firme compromiso con Galicia. En Compostela estudou a carreira de Dereito, e iniciou a súa militancia activa no nacionalismo participando na II Asemblea Nacionalista.

Tras exercer como avogado en Pontevedra e participar na Guerra do Rif, onde enviou crónicas ao xornal coruñés o Noroeste, iniciou o proxecto do diario Galicia como director, o 25 de xullo de 1922, no que participaban outros ilustres escritores e artistas como Roberto Blanco Torres, Francisco Pita, Lustres Rivas, Luís Ksado, Castelao, Antón Villar Ponte, Vicente Risco, Fermín Bouza Brey, Outeiro Pedrayo, Armando Cotarelo Valledor ou Amor Ruibal. A penas un ano despois, sofre a persecución e censura de Primo de Rivera ata o seu peche en 1926, e que provocou o encarceramento de Paz Andrade no cárcere da Rúa Príncipe de Vigo.

DEFENSOR DA AUTONOMÍA

A partir de 1927, prestou servizo de avogado á patronal pesqueira viguesa de Bouzas e fundou a revista Industrias pesqueiras, que levou a que a actividade do mar se convertese na súa principal actividade profesional.

A traxectoria de Valentín Paz Andrade, cobre case todo o século XX, cun papel "moi importante" no mundo xornalístico, económico e de deseño de estratexias empresariais. Sobre todo, asumiu un rol crucial no Partido Galeguista, do que chegou a ser secretario, e un "compromiso" como candidato aos cortes no 1931, coa comunicación con Arxentina no exilio e no Senado, coa transición democrática, presentándose pola provincia de Pontevedra, recorda o académico Manuel González.

"Era a continuidade dunha xeración que creou a República. A República e o galleguismo republicano creou equipos que imaxinaron un país, non abstracto, senón moi concreto. Moi viable e moi posible", considera, pola súa banda, o escritor Suso de Toro

Así mesmo, en palabras do seu fillo, Alfonso Paz Andrade "non só foi un dos redactores e asinantes", xunto con figuras como Risco ou Vilar Ponte, do Estatuto do 36 (do que fixo campaña en El Pueblo Gallego), senón que reclamou en innumerables artigos xornalísticos "a necesidade dunha autonomía e a necesidade de comunicacións". Así mesmo, foi "o único galego" que participou na chamada comisión "dos nove', xunto a figuras como Santiago Carrillo ou Jordi Pujol, na que se asegurou de que Galicia non quedase excluída do artigo 2 da Constitución.

INTERNACIONALIZACIÓN E PESCANOVA

Este traballo e ideario con Galicia como epicentro estivo acompañado dunha visión "ampla e aperturista". En palabras de Henrique Monteagudo, lingüista e académico, Andrade "tivo unha importancia bastante grande en crear horizontes", no sentido de que "tivo unha visión da cultura e a lingua galega máis ampla e internacional como vehículo que permitiría a comunicación co ámbito lusófono, moi especialmente con Brasil".

Segundo destaca o presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, "a súa mensaxe de apertura ao mundo", sobre todo americano, e esa "combinación de reflexión e acción" e a súa dedicación "a un sector punteiro", provocaron que os galegos poidan presumir hoxe en día de estar "no primeiro chanzo da explotación de auga salgada".

En 1960, participou na fundación da empresa Pescanova, da que foi designado vicepresidente, e posicionou a Galicia no mercado internacional: Así mesmo, foi o primeiro que deu un paso adiante cando se estendeu ata as 200 millas a zona exclusiva de explotación dos recursos mariños para os países costeiros.

"Foi o primeiro que denunciou e dixo publicamente que era un ataque directo a ao economía galega", sinalou Fernández Alvariño, presidente da patronal de Pontevedra, aínda que destaca que esta experiencia serviu de impulso e de renovación que derivou nos chamados buques factoría e a "grande Pescanova, o grande orgullo dos empresarios galegos".

"GALICIA COMO TAREFA"

Como creador, as súas obras máis destacadas polos académicos de hoxe son o poemario 'Pranto Matricial', creado en memoria de Castelao, o que o propio autor consideraba "o seu líder", e os ensaios 'Galicia como tarefa' e a 'Marxinación de Galicia', nos que xa incidía "nos anos 50" na necesidade dun sistema financeiro propio xunto a "outras potencialidades" do territorio e denunciaba o escravismo á xente do agro, o espolio que sofre o territorio galego e a débeda histórica.

 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou en definitiva a súa figura "inmensa", adiantada ao seu tempo, nun contexto que "non se prestaba moito para sacar proxectos con esa altura de miras". "Seguramente, Paz Andrade estaría encantada de ver a Galicia de hoxe, pero botaría en falta moitas cousas. Temos a sorte de vivir tempos máis propicios", considera.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS