Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.09.2019 Actualizado 20:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Portada  |   RSS - Portada RSS

A volta ao cole custa 758 euros por cada alumno galego

O inicio do próximo curso escolar representa o 2,8 % do gasto anual // En toda Galicia regresar a clase xera unha factura de 300 millóns

Escolares de camiño ao cole - FOTO: EFE
Escolares de camiño ao cole - FOTO: EFE

SANTIAGO. SALOMÉ BARBA  | 22.08.2019 
A- A+

O mes de setembro significa o fin do verán e, para as familias con fillos, algún que outro inconveniente. A volta ao cole representa tamén ter que rascar o peto buscando o diñeiro necesario para facer fronte a todos os gastos que se aveciñan. Este curso próximo, o 2019/2020, cada familia galega verá como o regreso ás aulas dos seus fillos leva 758 euros de media por cada un, unha cifra que representa o 2,8 % do total de gastos anuais do fogar, sendo estes 27.256 euros de media.

Galicia será, con estes datos, a quinta á que menos lles custará a volta ao colexio, segundo un estudo realizado pola web de aforro Kelisto.es, xa que o impacto sobre o gasto total do fogar é distinto por comunidades autónomas. E comparte a posición con Cantabria, Baleares, Murcia, Aragón e Andalucía. Serán ao redor de 300 millóns os que se utilicen para todos os conceptos relacionados co regreso ás aulas na comunidade.

Comunidade Valenciana, a que máis desembolsará. A nivel nacional, a volta ao cole custará ás familias 879 euros de media, unha cifra que representa un 2,94 % dos 29.871 euros que gasta un fogar ao ano. Se se analizan os datos por comunidades, a peor parada será a Comunidade Valenciana, onde o impacto sobre o orzamento familiar será de case un 4 % (3,7 %) e máis de mil euros por fillo. A continuación situarase Estremadura (3,4 %), 804 euros; seguida de Cataluña (3,3 %), 1.080; Castela e León (3,2 %), 871; Madrid e Castela-A Mancha (ambas as dúas cun 3,1 %) e 1.094 e 800 euros de gasto por cada fillo. No extremo contrario sitúanse A Rioxa e Navarra. Nestas comunidades autónomas, a factura do regreso ás aulas só representará un 2,3 % e 2,7 %, respectivamente. Serán 634 e 940 euros respectivamente por cada estudante. Os datos do gasto medio por fogar por comunidades correspóndense coa última Enquisa de Orzamentos Familiares que realiza anualmente o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Evolución desde o ano 2009. A nivel nacional, o gasto medio vinculado á volta ás aulas no curso que comeza o mes de setembro próximo mantívose practicamente estable con respecto ao curso anterior (2018/2019). Tan só aumenta un 1,2 %, ao pasar de 869 a 879 euros. En cambio, se comparamos a situación actual co que ocorría hai unha década, o incremento rexistrado é considerable. Desde 2008, os custos do inicio escolar experimentaron un incremento do 13,8 % (de 772 a 879 euros).

Esta cifra contrasta coa da evolución dos gastos por fogar, que non só non aumentaron, senón que mesmo chegaron a caer como consecuencia, entre outros factores, da crise económica. Así, segundo os datos que manexa Kelisto.es, o orzamento familiar descendeu, de media, un 1,8%, ao pasar de 30.411 euros en 2009 a 29.871 euros en 2019, segundo a última Enquisa de Condicións de Vida do INE, con datos de 2018.

Máis de sete mil millóns en toda España. Equipar aos fillos con todo o necesario para a volta ás aulas, desde libros ata roupa, pasando por artigos de papelería ou material deportivo, xerará unha factura total que superará os 7.000 millóns de euros (7.583,7 millóns) a nivel nacional.

Nun contexto no que un de cada catro fogares asegura chegar a final de mes "con dificultade" ou "con moita dificultade" e un 36% non ten capacidade para afrontar gastos imprevistos, resulta esencial comparar as distintas ofertas que hai no mercado para recortar o gasto final que se destinará á volta ao cole", indican desde Kelisto.es.

Ademais, o informe analiza as diferenzas nos gastos segundo o tipo de centro (público ou privado). A evolución rexistra importantes contrastes. Durante a última década, o gasto dos alumnos que acoden a centros públicos en España sufriu un crecemento de case o 23 %, ao pasar de 477 euros en 2009 a 586 euros na actualidade. En cambio, nos centros privados, a factura reduciuse notablemente, o custo por escolar descendeu un 26,32 % ao pasar de 1.114 euros en 2009 a 821 euros a día de hoxe.

Menor contía das bolsas. No último ano, a partida para bolsas do Estado ou comunidades aumentou un 2 %, e chegou ata os 2.172,54 millóns, mentres que o número de axudas concedidas creceu un 3,19 %. A pesar destas subidas, o importe medio por bolsa descendeu un 1,12 %, ao pasar de 638,04 a 630,9 euros. Ao longo da última década, o número de axudas creceu un 9,45% e o importe total e por bolsa disparouse, as administracións públicas destinan agora un 62,96 % máis, cunha subida do 48,89 % no importe medio. Con todo, ao longo dos últimos 10 anos, a evolución das axudas para os distintos tipos de ensino é desigual, o importe para ensinos universitarios baixou un 4,44 % (ata os 961,11 euros), nas postobligatorias non universitarias subiu un 12,35 % (669,59) e nas obrigatorias, infantil e educación especial disparouse un 125,87% (380,82 por axuda).

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS