Xoves 09.09.2010
| Actualizado 10.57
Hemeroteca web
|
RSS
O líder do PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, criticou hoxe o "espectáculo" que, na súa opinión, está dando o PSdeG na localidade pontevedresa de Silleda e cualificou de "sorprendente" que pretenda "subornar" os seus propios edís para evitar unha moción de censura.
"Os que acusan de fomentar o transfuguismo -en referencia á alcaldesa de Silleda, a socialista Paula Fernández- agora son presuntamente responsables de subornar os seus propios concelleiros", indicou Feijóo antes de reclamarlle á formación socialista "que se poña de acordo entre si e non traslade os seus problemas ó resto dos partidos".
Así se manifestou o dirixente 'popular', despois de que a rexedora socialista culpase hoxe o PP de buscar debilitala con "calumnias" e anunciase que acudirá ó xulgado para que a formación conservadora "rectifique".
"Silleda non merece o espectáculo que está dando o PSOE nin os seus efectos colaterais na vida municipal", dixo Feijóo. "E o resto dos partidos, tampouco", apostilou.
Suborno
O portavoz do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, acusou onte a Paula Fernández de intentar "subornar con diñeiro privado" un dos seus concelleiros "díscolos" para que deixe a acta e evitar unha moción de censura que podería arrebatarlle o bastón de mando municipal.
Rodríguez Miranda denunciou que a rexedora "non dubidou" en intentar "comprar vontades" a través de empresas "privadas" e lamentou "que estea disposta a chantaxear e subornar" os seus propios edís "chegando a ofrecer emprego a cambio da súa acta", nun exercicio "de dubidosa transparencia e talante democrático".