O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que a presenza de representantes da Administración nos consellos das caixas de aforro é "obrigada e lexítima", aínda que non avanzou por que número apostará o PPdeG na súa proposta de reforma da lei que regula as entidades e garantiu que non busca o "control político" da súa xestión operativa.
"O obxectivo é que as caixas sigan sendo as menos politizadas de España", sentenciou na rolda de prensa posterior ó Consello da Xunta, onde incidiu en que "hai tempo" -ata o 12 de decembro- para concretar as propostas dunha reforma lexislativa que, ó seu xuízo, debe apostar pola "profesionalización" dos seus xestores, pero tamén "profundar" na súa "democratización".
De feito, Feijóo mostrouse convencido de que os galegos queren unha presenza "ponderada e medida" de representantes do Goberno autonómico nos consellos de administración das entidades para a toma de decisións estratéxicas, como o están -recordou- "concellos e deputacións". "Tamén están círculos das artes, sociedades filarmónicas, algún liceo e algún casino", apostilou en ton irónico.
Na súa intervención, o mandatario galego resaltou que os tres partidos con representación na Cámara autonómica -PPdeG, PSdeG e BNG- decidiron conxuntamente axilizar a tramitación ordinaria para aprobar a reforma da Lei de Caixas antes de que finalice o ano, un compromiso que -recordou- "obriga a todos".
A maiores, escudouse no "rigor e prudencia" que esixe "un momento tan importante" para eludir aclarar se, con independencia dos cambios normativos nos que traballan os grupos parlamentarios, Galicia está agora máis preto dunha fusión entre Caixa Galicia e Caixanova. "Lealdade e prudencia", resumiu a súa folla de ruta.
Feijóo apelou tamén a estes dous principios para non pronunciarse sobre o sistema institucional de protección (SIP) entre as dúas caixas galegas polo cal avogou o líder do PSdeG, Manuel Vázquez, na reunión que mantiveron os líderes das tres principais formacións da comunidade.
"Non comento posturas que non foron explicitadas", advertiu o xefe do Executivo, quen evitou tamén aclarar se ten constancia da postura que adoptaría o Banco de España ante unha proposta deste tipo. "Se ó PSOE lle gusta esta postura e ten o visto e prace do Banco de España, poderao explicar", argumentou e concluíu que el, en todo caso, "será respectuoso e leal".
"Nestes casos non se está para ver quen é o máis rápido", apresurouse a engadir e manifestou a súa satisfacción coa evolución da súa rolda de contactos. Tras reunirse hoxe coa patronal, mañá tocará a quenda dos sindicatos, cos cales espera definir unha valoración "definitiva" sobre a afección ó persoal das caixas que causaría cada unha das opcións sobre a mesa.
Mentres tanto, insistiu en que o Goberno "contrasta" o informe "independente e rigoroso" realizado pola Consellería de Facenda cos datos proporcionados polas entidades de aforro e instou os dirixentes de Caixa Galicia e Caixanova a facer o propio.
"Espero que as caixas cumpran co seu deber", aseverou Núñez Feijóo e avisou que -do mesmo xeito que a Xunta- estás deberán xustificar a súa postura en base á "obxectividade" das súas análises financeiras. "Hai cuestións opinables, pero as cuestións técnicas non están suxeitas a cambios de opinión drásticos", remachou.
Á espera, insistiu en que a súa vontade é presentar a proposta da Xunta antes de emprender a súa viaxe a América -que arrincará o vindeiro mércores-, pero vinculou o cumprimento do seu compromiso con que as caixas "cumpran" o prazo dado de sete días e non lle pidan "unha ampliación" do mesmo, que non descartou.
Preguntado pola proposta do ex presidente do Goberno central José María Aznar de privatizar as caixas ó considerar que están moi politizadas, o titular do Executivo autonómico sinalou que é unha opinión "interesante", pero relativa a un cambio de modelo -converter as caixas en bancos- que está a debate en todo o Estado.
"Hai voces en Europa que apostan por este modelo", recoñeceu, pero mostrouse convencido de que Aznar, cando presidía a Xunta de Castela e León, velaba polos "intereses" da súa comunidade. "Pois o mesmo fago eu", concluíu.