Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 10.14

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Aulas

NOVO FINANCIAMENTO

2.000 millóns ó SUG

06.10.2010  As universidades galegas disporán desta cifra ata o ano 2015 ·· O luns reuniranse coa Xunta para concretar as partidas consonte os resultados

0.0/5 [0 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

M.J.CEBRO . SANTIAGO

Serán "máis de 2.000 millóns de euros" os cartos que a administración transferirá ás tres universidades galegas ata o vindeiro 2015 dentro do novo Plan de Financiamento no que traballa a Consellería de Educación e que estará listo antes de final de ano. O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, lanzou esta primeira cifra onte na súa última intervención na comisión parlamentaria para dar conta do estado do plan e ante as insistentes peticións de concreción por parte dos grupos da oposición.

Díez de Castro apostou por "non seguir tratando ás universidades galegas como idénticas" para "favorecer a súa iniciativa", e lembrou que parte das transferencias da Xunta se realizarán en función dos "resultados" en certos indicadores e recoñecendo as "diferenzas" das universidades galegas. "A filosofía do novo plan será totalmente diferente á dos anteriores, e contará cun de-seño moderno e dinámico, revisable e modificable", indicou Díez de Castro, ao tempo que precisou que os fondos se distribuirán conforme a tres tipos de financiamento: estrutural, por resultados e por mellora da calidade docente. A porcentaxe de fondos de cada apartado "estará sometido a negociación" coas universidades.

O mes de xullo pasado o Consello Galego de Universidades deulles o informe favorable ás liñas básicas do plan, polo que a Xunta traballa agora no peche dalgúns puntos co obxectivo de que estea listo antes de final de ano e as súas partidas poidan incluírse nos Presupostos da Xunta para 2011. O seguinte chanzo será o vindeiro luns, día 11, cando se reúna a Comisión de Financiamento para determinar o panel de indicadores que finalmente se aplicarán para a repartición das achegas correspondentes ao financiamento "por resultados".

 

"Unha das institucións mellor tratadas", di Díez de Castro

O deputado do BNG Carlos Aymerich denunciou as "incertezas" sobre o investimento que a Xunta realizará o próximo ano en educación e agoirou que, "segundo todo indica", o recorte será "brutal".

Tanto Aymerich como a deputada socialista Concepción Burgo criticaron que o documento posto enriba da mesa pola Xunta é "unha prórroga" do que expira en decembro. En concreto, Carlos Aymerich sinalou que "o 95 por cento do financiamento" das universidades neste Plan corresponderá ao apartado estrutural e que o primeiro ano "unicamente un 5% dependerá do panel de indicadores" do financiamento por resultados. "Fóra diso non hai nada", criticou o nacionalista, ó tempo que fixo fincapé no atraso na elaboración dun novo Plan Galego de I+D+i, que o secretario xeral comprometeu para "antes de final de ano".

Pola contra, Díez de Castro garante que as universidades serán no 2011 "unhas das institucións mellor tratadas nos presupostos" e asegurou que este suposto recorte "brutal" está "lonxe da realidade".

No seu discurso de apertura do curso universitario o pasado mes en Santiago, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurara ante os tres reitores que "nin o goberno de Galicia quere nin a sociedade galega toleraría que fixesemos da Universidade unha das vítimas principais da crise", porque iso "lastraría" a recuperación económica. Pero engadiu que "os recursos son máis limitados ca nunca" e, xa que logo, pediulles "realismo", "unión" e "colaboración" entre universidades e "apoiarse na riqueza do capital humano".

A CERNA

Os campus poden acadar ata un 15% máis segundo a eficiencia

Entre un 5% e un 15% máis de financiamento poderán obter as universidades galegas consonte o novo parámetro orzamentario que atende a criterios de eficiencia e consecución de resultados.

O novo plan de financiamento universitario, que se prevé entre en vigor en xaneiro do 2011 ata o 2015, inicia o seu percorrido reservando un 5% do investimento total á parte variable do financiamento, unha porcentaxe que se irá incrementando nos próximos anos ata alcanzar o 10% ou o 15% en 2015.

Nunha reunión mantida o 20 de setembro pasado entre a administración galega e as tres universidades abordáronse unha vintena de indicadores que computarán na dita asignación variable. Entre eles figuran algúns novidosos como o que terá en conta a responsabilidade social das universidades, a consolidación e impulso ós campus periféricos, a satisfacción de necesidades sociais e a adecuación da demanda á oferta ou a transferencia tecnolóxica e de coñecemento á sociedade, aspecto que malia non estar aínda concretado incluiría factores como as patentes xeradas pola investigación científica ou os contratos con empresas, entre outros.

Con todo, os dous indicadores que máis peso terán no financiamento variable serán a docencia e sobre todo, a investigación.

O tratamento das tres universidades "será homoxéneo", polo que tratará de "afinar as ponderacións" dos diferentes indicadores. "Polo tanto, a situación de partida e a mellora para cada un dos obxectivos e indicadores será diferente para cada universidade", afondou o secretario xeral, que explicou que a Xunta asinará contratos bilaterais con cada unha das tres universidades, en dous períodos (2011-2012 e 2012 en diante).

Amais, cada universidade -Vigo, A Coruña Santiago de Compostela- terá que presentar antes do próximo 15 de novembro un plan de sustentabilidade, no que se expliciten as previsións económicas nun horizonte de tres a cinco anos -aplicando xa medidas de contención- , plans que serán analizados polas consellerías de Educación e de Facenda.

Elimínase o obxectivo de chegar ó 1% do PIB

O sistema universitario galego atrae só o 0,7% do produto interior bruto, mentres que a media española é superior ó 1% e a europea está ao redor de 1,5 por cento.

Entre os obxectivos deste plan está a "converxencia" do SUG coa media estatal de financiamento universitario medido en porcentaxe do PIB, segundo Díez de Castro. Neste punto os grupos da oposición criticaron a eliminación do borrador do compromiso de alcanzar para o 2015 o 1% do PIB galego, algo que Díez de Castro xustificou "por responsabilidade" e ante os "continuos cambios" na achega do Estado a Galicia, aínda que "non renunciou" a este obxectivo.

Dentro dos "obxectivos realistas" que se marca o Goberno, o secretario xeral sinalou que se traballará para "alcanzar a media de financiamento por alumno do sistema universitario español".

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS