Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, sentado, fala co portavoz da materia do PSdeG, Abel Losada |
O portavoz de Economía e Industria do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia acusou onte o PP de impedir que 3.000 investigadores galegos sigan traballando logo do remate do Plan Galego de I+D+i e os fondos comunitarios correspondentes no próximo mes de decembro. Abel Losada acusou o PP de someter os investigadores a unha "incerteza" sobre o seu futuro. Así o dixo tras a negativa dos populares a unha Proposición non de lei socialista que lle reclamaba á Xunta un Plan de desenvolvemento e consolidación das carreiras dos investigadores galegos para continuar co seu traballo ao remate de 2010. Losanda asegurou que a única convocatoria da Xunta relacionada coa investigación son as estadías no estranxeiro, e que "non inclúe ningunha prórroga nin contrato dentro de Galicia".
Losada criticou a "inexistente" política de I+D do goberno de Feijóo, "mesmo chegando a desmantelar a Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento". Así, critican os socialistas, en decembro rematan os fondos comunitarios do Plan galego de I+D+i -Incite-, cunha dotación de 800 millóns de euros, e máis de 3.000 novos investigadores de Galicia "non teñan información sobre a súa carreira para 2011".
O socialista esixiu a convocatoria urxente dos catro programas de contratos de científicos e os dous de tecnólogos que suman 400 investigadores dentro do Plan Incite para o ano 2010 e que permanecen paralizados pola Xunta de Galicia. Losada sinalou que "non ten sentido formar milleiros de investigadores para que teñan que ir traballar ao estranxeiro no seu momento de máis alta produtividade". Ademais, lembrou que, nos orzamentos deste ano, o programa do Plan galego de I+D+i reduciuse nun 10%, mentres o programa de Investigación Universitaria permaneceu conxelado.
Losada contrastou esta política coa aposta polo Plan Galego de I+D+i amosada polo goberno socialista durante a pasada lexislatura, na que os recursos para innovación aumentaron un 112% entre 2005 e 2008, cunhas axudas medias de 100 millóns de euros anuais. Ademais, lembrou que a aposta dos socialistas por esta materia contempla a consolidación deste Plan, incrementando a porcentaxe de gasto ata acadar o 1,5% do PIB nos vindeiros catro anos. Sinalou o compromiso de duplicar o número de investigadores ata acadar 8 por cada mil activos.
No que si houbo unanimidade -agás do BNG, ausente pola folga- foi nunha proposición non de lei impulsada polo PP para pedirlle á Xunta que lle reclame ó Goberno central te en conta as "singularidades territoriais" de Galicia, e o consecuente sobrecusto, na asignación de fondos económicos ligados ós obxectivos recollido no Plan de acción 2010-2011 do Ministerio de Educación. Entre as dificultades de Galicia está a dispersión poboacional, a alta necesidade de servizos complementarios -transporte, comedor- e a modalidade plurilingüe.
O secretario de Estado de Investigación, Felipe Pétriz, recoñeceu "dificultades" á hora de contratar definitivamente ou estabilizar os beneficiarios do programa Ramón y Cajal cando, ós cinco anos, conclúe a bolsa. O programa pretende fortalecer a capacidade investigadora dos grupos e institucións de I+D, do sector público como do privado. Así, concede axudas por cinco anos para a contratación laboral de doutores por Centros de Investigación e Desenvolvemento.
