Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 10.14

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Aulas

eleccións na usc

Os alumnos, o primeiro

21.04.2010  Os estudantes son uns 30.000 votos potenciais ·· Mellor docencia e prácticas, axuda á empregabilidade e participación, principais promesas dos reitorables

0.0/5 [0 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

I. C. . SANTIAGO

A candidata a reitora da USC Mercedes Brea elixiu onte a súa facultade, Filoloxía, no campus norte santiagués para presentar o equipo co que concorrerá ós comicios do vindeiro 5 de maio FOTO: AXENCIAS
A candidata a reitora da USC Mercedes Brea elixiu onte a súa facultade, Filoloxía, no campus norte santiagués para presentar o equipo co que concorrerá ós comicios do vindeiro 5 de maio
FOTO: AXENCIAS

Os sete candidatos ó reitorado da USC ini­ciaron onte a carreira para pre­sentar programas e equipos. Mercedes Brea elixiu a súa facul­tade, a de Filoloxía, como prime­ira parada, e Juan Varela fixo o mesmo en Medici­na. Lourenzo Fernández Prieto comezou entre a veciña Filosofía e o seu centro, Historia; Juan Casa­res decantouse polos edificios administrativos de San Xerome e A Balconada; e Pilar Bermejo escolleu Historia. Jaime Gómez Márquez empezou reuníndose con PAS de Lugo, e Laura Sán­chez Piñón elixiu a facultade de Ciencias do mesmo campus. Por diante teñen dúas semanas para dirixirse a toda a comuni­dade universitaria. O alumnado é o colectivo máis numeroso, case 30.000 votantes. Para eles, as propostas de todos inciden na mellora na docencia e nas prácticas, a inserción laboral e vías para aumentar o diálogo co reitorado.

Así, Pilar Bermejo, catedráti­ca de Química Analítica, propón crear a Oficina do Estudante, que atendería o alumnado de forma personalizada "sen trámi­tes burocráticos", e a Oficina de Inserción Laboral, un servizo de asistencia legal, ademais de garantir as prácticas en empresas. Tamén propón abrir unha web para este colectivo, con canle de televisión e radio. O incremen­to da oferta do Centro de Lin­guas Modernas e o impulso das prácticas internacionais son outras das súas propostas.

Mercedes Brea sitúa as "garantías de equiparación plena" dos actua­is títulos na configuración de Boloña, mellorar o ensino práctico e medidas de inserción laboral como eixes do seu programa para alumnos. Máis bolsas de mobilidade, adaptación ós alum­nos con necesidades especiais, "a igualdade efectiva" no acceso ó aloxamento subvencionado e formación complementaria en idiomas, informática e xestión de recursos humanos completan a súa estratexia.

A catedrática de Xenética Laura Sánchez Piñón contem­pla axudas económicas en todos os niveis formativos, sobre todo para o alumnado con menos recursos, propón un portal web para estudantes, promover o asociacionismo, cursos de capaci­tación laboral -expresión corporal e verbal, preparar unha entrevista de traballo-, seguimento da empregabilidade dos titulados, máis oferta de materias en inglés e "velar polo bo funcionamento" das prácticas en empresas.

Pola súa parte, Juan Casares Long, catedrá­tico de Enxeñería Química, pro­pon crear "espazos informais" de traballo para o alumnado, unha comisión consultiva de estudan­tes, racionalizar as prazas do máster de profesorado, impulsar a participación en intercambios internacionais, racionalizar o horario das bibliotecas en tempos de exames, eliminar as taxas de expedición do suple­mento europeo ó título e recoñe­cer un crédito por cada 15 horas de actividades extraacadémicas.

Jaime Gómez Márquez, catedrático de Bioloxía Molecu­lar, contempla crear o Consello de Estudantes da USC, quere priorizar o acondicionamento dos espazos de traballo dos estudantes e propón organizar cursos coa colaboración de colexios profesionais e sindica­tos para orientar laboralmente os futuros egresados. Tamén avoga por conceder con cargo ós orzamentos da USC axu­das ós alumnos non bolseiros se a renda familiar o xustifica.

O catedrático de Historia Con­temporánea Lourenzo Fernández Prieto propón que todos os alumnos poidan realizar catro meses de prácticas no estranxeiro e que o acceso ás residencias da USC se deter­mine por criterios económicos. Amais, quere que os resi­dentes participen máis na xes­tión destes centros e incluír o alumnado nas comisións de seguimento dos novos gra­os. Defende que o máster docente se faga tras aprobar as oposicións.

Juan Varela Durán, catedrático de Anatomía patolóxica, tamén avoga por adecuar a oferta de graos e posgraos á demanda de acceso e ó emprego e potenciar o seu compoñente práctico. Amais, propón apoio ós alumnos máis desfavorecidos priorizando o acceso ás residencias e outras ofertas sociais da USC e apos­ta por estimular a participación nos órganos de representación da USC. Coin­cide con outros candidatos na aposta por crear novos espazos de traballo para o estudan­tado e unha emisora de radio e televisión.

Mercedes brea, si. As persoas primeiro

A candidata a reitora da USC Mercedes Brea elixiu onte a súa facultade, Filoloxía, no campus norte santiagués para presentar o equipo co que concorrerá ós comicios do vindeiro 5 de maio. Co lema UniverSIdade= DiverSIdade. Mercedes Brea, si, acompáñarana Luis Miguel Botana, Manuel Castro Cotón, Angelines Cruz, María Isabel Fraga Vila, Ana María González Bustelo, José Luis Labandeira García e Manuel Ladra González. A catedrática de Filoloxía Románica presentou tamén a súa web electoral: Mercedesbrea.org

A Trabe reelixe o 50% ó claustro

As eleccións ó rei­torado acaparan a atención, pero a USC tamén empezou onte a campaña para renovar o claustro e os consellos de departamentos. A Trabe, colectivo nacionalista de representación do perso­nal de administración e servizos (PAS), presen­tarase ó claustro cunha candida­tura renovada en máis do 50%. O seu programa en www.usc.es/atrabe.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS