Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 10.14

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Aulas

coordinador do Movemento Estudantil Universitario

Anxo Teixeiro Fernández: "Estamos cansos de que os políticos metan os fociños nas organizacións estudantís"

28.10.2010  Igual que mediados dos 90, os Comités están a piques de escindirse. "Hai facultades nas que nin son abertos, nin plurais nin tolerantes", resume Anxo Teixeiro, coordinador do novo MEU. Pero nega que a corrente estea impulsada por +Galiza. "Non permitiremos ser correa de transmisión"

4.3/5 [23 Voto/s]

1
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

M.J.CEBRO . SANTIAGO

Anxo Teixeiro, coordinador do novo Movemento Estudantil Universitario FOTO: CARLOS CALVO
Anxo Teixeiro, coordinador do novo Movemento Estudantil Universitario
FOTO: CARLOS CALVO

Igual que sucedera a mediados dos anos 90, unha escisión está a piques de romper os Comités. E outravolta coas siglas doo Movemento Estudantil Universitario, MEU. O seu coordinador, Anxo Teixeiro, estudante de 3º de Medicina na USC, recoñece que xorde contra unha maneira de dirixir "nin aberta, nin plural nin tolerante". E admite que no seu impulso hai moitos de +Galiza. Pero nega que MEU sexa o escenario estudantil no que se batan a UPG e +Galiza e asegura que impedirá que membros con carné dirixan a nova corrente. O seu será, asegura, axudar a resolver os problemas dos estudantes, desde a óptica nacionalista de esquerda, pero sen pedirlle o carné a ninguén .

Estades poñendo en marcha o Movemento estudantil universitario. É un intento de resucitar o MEU da segunda metade dos 90?

Recollemos o seu espírito, recoñecémoslle o seu aperturismo, o que significou no seu momento, a súa forma de facer, moi de corredor... Recollemos as súas siglas e o seu logo, como homenaxe. O novo MEU pode ser semellante pero non somos herdeiros directos. Nin eles nos deron a bendición nin nós queremos ser eles 15 anos despois con 15 anos menos. Somos outra xente, podemos compartir moitas ideas, pero non somos unha resurrección nin hai unha relación paterno-filial.

O MEU nacera como rexeitamento da deriva política dos CAF. Vós tamén vos dicides queimados dos Comités.

Dentro da corrente hai xente dos Comités, da Asemblea de Políticas, da Asemblea libre de estudantes de Medicina, coma min, xente de organizacións de Vigo e da Coruña... Xa que logo non somos unha corrente dentro de Comités, senón algo máis amplo. Pero si hai xente de Comités que non está de acordo co xeito de traballar nalgúns centros, nos que non son nin abertos nin plurais nin tolerantes coa existencia de diferentes opinións. E buscan no MEU unha alternativa.

Manifestádesvos nacionalistas e de esquerdas.

Non pretendemos caer en purismos nin facerlle un test de ideoloxías á persoa que queira entrar. Queremos ser un instrumento útil para mellorar a vida dos estudantes nas universidades galegas cos principios de universidade pública, única internacional, corresponsable e cogobernada. Pero somos abertos ás diferentes formas de concibir o nacionalismo e a esquerda. Temos lugar para xente galegista que non se quere declarar nacionalista, para xente de centro esquerda... non nacemos para preguntarlle a xente en qué espazo ideolóxica está.

Aspirades a ocupar o lugar dos Comités?

Dende o punto de vista da organización do MEU, naquelas facultades onde a xente está contenta, só estaremos a xeito de corrente, non ten sentido que haxa dúas organizacións loitando polo mesmo nicho. Pero naquelas nas que os Comités amosen o seu lado menos tolerante daremos a batalla por ocupar o espazo nacionalista de esquerdas máis aberto a diferentes xeitos de concibilo.

Recoñecedes que a maioría son de +Galiza. Facer o paralelismo Comités-UPG, MEU-+Galiza é inevitable. Daquela sodes sospeitosos de querer ser o brazo estudantil doutra corrente do BNG.

É certo que no impulso de MEU hai bastante xente da Mocidade Nacionalista Galega. Se a xente de +Galiza é critica no partido no que está é critica tamén nos Comités e é comprensible que secunden o tema. Pero non nos permitiremos ser correa de transmisión. Precisamente é xente que marcha dos Comités porque pensa que son correa de transmisión dunha corrente dun partido como é a UPG. Pero tamén hai xente do ámbito do PSdeG que se achega a nós fuxindo do IESGA. E independente que o que menos quere é participar en algo relacionado cun partido político. Estamos bastante cansos de que os políticos metan os fociños na política estudantil e non permitiremos ser correa de transmisión de +Galiza.

De que xeito o evitaredes?

Na redacción dos estatutos imos tentar deseñar un sistema de incompatibilidades para que non haxa unha maioría de xente militante recoñecida de ningún partido nos órganos de goberno para evitar caer nese erro. Non ten sentido ser correa de transmisión porque nos impide medrar é moito máis sedutor unha alternativa non partidaria porque os estudantes o que queren é resolver o seu sen caer en estratexias de partido.

Cales son as necesidades que o estudantado non ve cubertas?

Quizais hai 20 anos si existía no seo do estudantado preocupacións que ían máis alá da súa vida académica. Pero agora quere que os problemas que poidan ter no desenvolvemento dos seus estudos se resolvan e MEU nace con esa intención. Os estudantes, igual cá mocidade en xeral, están moi queimadas cos partidos, especialmente coas mocidades, que teñen unha desconexión preocupante cos mozos do país. Hai un desafecto evidente cos partidos e os estudantes non aceptan que se metan na súa vida diaria. Iso non quere dicir que as organizacións de representación dos estudantes deban abdicar da súa responsabilidade de estar presentes e ser creadoras de opinión noutros temas menos puramente académicos pero igual de importantes para a mocidade.

Cales son ó voso ver os problemas mais graves do sistema universitario galego?

Unha falta de recursos bastante preocupante. Estanse facendo recortes en investigación e docencia que nun contexto de crise nos parece un de-satino. Mentres as democracias da nosa contorna optan por investir precisamete agora en I+D e en formación vemos como a escala estatal e galega se está pechando a billa cando quizais sexa o momento de abrila máis ca nunca.

Chama a atención o voso aberto rexeitamento do sistema universitario galego con tres universidades.

Quizais o modelo de tres universidades sexa pouco eficaz para aproveitar os recursos. Por iso defendemos unha universidade galega única, moito máis coordinada e organizada, máis acorde ás necesidades do país e que poida aproveitar os poucos cartos que hai. E blindada a localismos. Cremos que cómpre redefinir o mapa universitario que máis lle convén a Galiza consonte a criterios de realidade e non de interese político. Pero cunha universidade única non se resolve nada se os estudantes, profesores e PAS non se implican máis no bo desenvolvemento . Por iso defendemos a universidade cogobernada e corresponsable.

MANIFESTO

Universidade pública, única, galega, internacional, cogobernada e corresponsable. Velaí os seis piares que alicerzan o manifesto fundacional do novo Movemento Estudantil Universitario que xa empezou a circular polas redes sociais. MEU quere unha universidade que forme persoas e non autómatas e que lles permita ós mozos "contribuír a mellorar o noso contexto tendo unha garantía de sustentabilidade".

Esta semana empezaron co traballo de campo de dar a coñecer o seu ideario polas facultades "para formular o nacemento da nova corrente e enganchar a xente", di Anxo Teixeiro. Tamén para tomarlle o pulso ás inquedanzas dos estudantes e, en función do diagnóstico, "ver se cristaliza o noso movemento". O vindeiro 16 de decembro está fixada a data da asemblea constituínte na facultade de Medicina da USC.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS