Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| A Facultade de Filoloxía, no campus norte, acolleu onte a reunión do claustro da USC, que votou a favor dos presupostos para este ano FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ |
O goberno de Juan Casares Long logrou onte no claustro a aprobación das súas primeiras contas, que prevén para este ano 229 millóns de euros, unha tesoirada do 6,8% sobre os presupostos do exercicio anterior.
As liñas xerais presupostarias da USC para 2011, as primeiras de Casares á fronte do reitorado, salváronse onte por un puñado de votos das tres emendas coas que +Ideas, Universidade Aberta (UA) e A Trabe pediron a retirada do texto ou a súa devolución ou aprazamento. Tras un accidentado reconto que obrigou a repetir a man alzada ata tres veces a única votación na que confluíron as tres emendas, o texto logrou o apoio de 96 claustrais, por 9 votos máis cós partidarios da súa retirada. Outros 15 votos foron en branco.
A votación final conseguiu, con todo, un apoio máis folgado: 91 votos a favor (o 50,8%,), entre eles os de Converxencia; 57 en contra (UA, CAF, Sindicato de Estudantes e A Trabe) e 31 en branco. Esta última foi a opción final de +Ideas, que criticou a inconcreción do texto e que non se presentase antes na comisión de economía. O voceiro do novo colectivo docente -impulsado por membros da extinta PUP dos ex reitores Barro, Villanueva e Pajares- recoñeceu, iso si, que a explicación da vicerreitora de Economía, Sara Cantorna, foi máis clarificadoroa. "Pero non podemos presentar emendas á intervención da vicerreitora", lamentou Enrique Macías.
UA baseou a súa crítica en que as liñas incumpren o mandato estatutario de presentarse coñecéndose xa a programación plurianual. Cantorna xustificou a demora argumentando que o plan de financiamento da Xunta que a condicionará aínda se segue negociando e recordou que o anterior reitorado tamén incumpriu esta orde temporal.
O persoal de administración e servizos (PAS) nacionalista da Trabe tamén criticou que se tratase de aprobar o documento sen coñecerse o plan de sustentabilidade que a USC presentará ó Executivo galego en febreiro.
Cupas, pola súa banda, coincidiu coa Trabe, +Ideas e UA á hora de reprocharlle ó reitor que non pedise ó claustro opinión sobre o plan plurianual de financiamento das universidades antes de rubricalo. Lourenzo Fernández Prieto (UA) -o seu rival final na campaña electoral- engadiu ademais que isto tería feito á USC "máis forte" na negociación dun marco que non contenta a ninguén na institución académica.
Casares encaixou ben as críticas, recoñeceu que "probablemente o proceso se puido facer mellor e que houbese máis diálogo" e coincidiu cos críticos en subliñar a escaseza do plan, pero insistiu en que os tres reitores o aceptaron porque entenderon que non tiñan capacidade de modificalo nun contexto de maiores recortes presupostarios . "Chegar a 450 millóns de euros en 2015 -para as tres universidades- é avanzar moi pouco dende un punto de partida moi baixo", valorou.
No 2011 a USC deberá apañarse con 229 millóns, -dos cales 149,26 millóns son para cubrir gastos de persoal- non só pola redución do recentemente estreado plan de financiamento plurianual senón tamén, pola "situación económica intrínseca da USC dende hai anos", na que, engade e, "había un déficit de máis de 15 millóns".
Os fillos dos funcionarios de Educación pagarán as taxas
A Universidade de Santiago deixará de eximir do pagamento das taxas ós parentes do persoal dependente da Consellería de Educación. En 2010, esta cobertura custoulles ás arcas universitarias 900.000 euros que o anterior reitorado lle reclamou á Xunta. A resposta de Educación foi negativa, xa que non existe ningún acordo que a obrigue a facelo. En diante, a USC deixará de pagar estas taxas, anunciou no claustro a vicerreitora de Economía, Sara Cantorna.
A experta en contas do equipo do reitor Casares Long explicou os desfasamentos que houbo que asumir antes de pechar o exercicio orzamentario de 2010, entre os que destacan os 5 millóns de euros do acordo "verbal, pero non asinado" co que a Xunta comprometeuse a reforzar o financiamento da USC do ano pasado.
Cantorna debuxou un escenario orzamentario para 2011 de "case economía de guerra, con gran parte do orzamento xa comprometido. Dos case 229 millones ós que ascenden as contas propostas para éche ano -un 6,8% menos que o anterior-, 216 están comprometidos de partida. "Quédannos só uns 12 o millóns de euros de marxe de manobra (...) Está claro que este ano será unha proba de fogo, porque temos que interiorizar un novo escenario", engadiu o reitor. A prioridade nel será, insistió Juan Casares, "o capital humano da nosa universidade", o factor clave que coloca á USC "claramente por encima" das outras dúas galegas se é avaliada con indicadores obxectivos", engadiu.
Dous anos de recortes
Os presupostos da USC van á baixa por segundo ano. En xaneiro de 2010, a USC aprobaba una proposta presupostaria de 244,6 millóns de euros, un 0,5% menor có ano anterior, xusto despois dun exercicio 2009 no que o comezo da crise xa limitara o crecemento ó 3,4%.
Proxecto de austeridade
As contas do 2011 vense condicionadas polo novo plan de financiamento, que conxela as contas do 2010, a obriga imposta pola Xunta de elaborar un plan de austeridade ata o 2013, que se presentará en febreiro, e a imposibilidade de endebedarse máis, outra premisa fixada en San Caetano.
