Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
Cursar un grao de 300 créditos máis un máster de 60 será necesario para poder exercer como arquitecto, segundo o acordo aprobado onte polo Consello de Ministros que establece as condicións dos plans de estudo que habiliten para esa profesión.
"O acceso ós estudos conducentes á obtención do título de máster, que é o que habilitará para o exercicio da profesión, requirirá a previa superación dos ensinos de grao", segundo precisa a referencia do Consello.
O Goberno determinou que os plans de estudos teñan unha duración de 300 créditos para o grao e de 60 para o máster "logo de atender as demandas das distintas entidades, organizacións e organismos públicos implicados na definición das condicións formativas que dan acceso a esta profesión regulada".
"A partir deste acordo -indica- establécese unha nova ordenación para os títulos que habiliten para o exercicio da profesión regulada de arquitecto, e faino froito do consenso e a negociación cos representantes dos diferentes estamentos do sector, isto é, directores de Escolas, Consello Xeral de Colexios de Arquitectos e representantes de alumnos".
Os arquitectos protestaran, igual cós médicos, polo que consideraban un agravio coas outras titulacións de grao, cunha duración de 240 créditos. Eles consideraban inxusto que facendo 300 ou 330 créditos acabasen coa mesma titulación de grao.
