Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| O reitor Casares Long conversa co decano de Químicas, Ramón Estévez, diante de Alejandro Macías e Carmen Yebra FOTO: AXENCIAS |
O Consello de Goberno da Universidade de Santiago deulle onte o visto e prace ó Plan de sustentabilidade financeira para 2011, segundo esixe o Plan de financiamento do SUG e que deberá entregarse anualmente á Consellería de Facenda con medidas e obxectivos a alcanzar en cada un dos exercicios ata 2013, e que no caso de Santiago contempla tamén reprogramar investimentos.
Entre as medidas asinadas onte, Fonseca deciciu a contención das prazas de novo ingreso, que continuarán limitadas ata 2013 á taxa de reposición do 10% dos efectivos. Amais promoverase un plan de xubilacións anticipadas.
O equipo do reitor Juan Casares Long levará a cabo ademais no apartado de persoal propostas dirixidas á "reordenación e á reasignación de horas de docencia" e de supresión das prazas non dotadas.
Pero as medidas van moito máis alá do capítulo de gastos en persoal, e contemplan desde a posta en marcha dun plan de aforro enerxético e un esforzo para reducir o gasto en teléfono ou en material funxible, ata a potenciación do uso da firma dixital. Para as comunicacións entre os campus de Lugo e Santiago, a USC pasará a empregar "de xeito máis usual" a videoconferencia, as reunións virtuais e o uso das novas tecnoloxías para aforrar en desprazamentos. Tamén se están revisando os importes máximos a retribuír por conferencias e establecéronse limitacións ó pago con cargo ós presupostos da USC de matrículas en cursos e cotas de asociacións. A migración do campus virtual a software libre é outra das medidas propostas.
Por outra parte, nas relacións coas entidades financeiras, a USC negocia a refinanciación de operacións de endebedamento e da débeda comercial.
No apartado de ingresos, o reitorado proponse fomentar a colaboración coas empresas, mediante sinaturas de contratos ou convenios, contribuíndo así tamén á transferencia do coñecemento.
Toca apañarse con 15,8 millóns menos
O plan de sustentabilidade non foi o único prato forte do consello de goberno de onte, aínda que si o máis novidoso. Na sesión tamén se aprobaron os orzamentos da USC para 2011, semanas despois de que o claustro lles dese o visto e prace ás súas liñas xerais.
As contas da institución ascenden a 228,8 millóns, o que significa unha caída do 6,46% con respecto ás dun ano antes. É a maior redución das tres universidades galegas, que en euros supón pasar a apañarse con 15,8 millóns de euros menos.
O equipo reitoral insistiu en que neste contexto de recortes as persoas serán a súa prioridade, de modo que o persoal da USC non se verá afectado máis aló da redución salarial media do 5% establecida polo Goberno. En todo o demais velarase pola contención do gasto, xa que, "os recursos económicos do plan de financiamento da Xunta para o exercicio de 2011 non cobren as necesidades existentes", lembrou a vicerreitora de Economiña, Sara Cantorna, que ve "imprescindible intensificar a eficacia dos recursos empregados e facer un seguimento do grao de execución do presuposto que permita minimizar as súas desviacións".
Químicas: motor científico galego
O catedrático da USC Ramón Estévez Cabanas tomou onte posesión do seu cargo como decano da Facultade de Química, nun acto protocolario presidido polo reitor Juan Casares. Trátase do seu segundo mandato á fronte do centro compostelán, para o que contará coa colaboración dos profesores Alejandro Macías, como vicedecano, e María del Carmen Yebra en calidade de secretaria.
O profesor reivindicou o papel da química en xeral e da facultade compostelá en particular e lembrou que o seu centro ocupa a cuarta posición do ránking iberoamericano por capacidade de transferencia de resultados, produción científica, capital humano e nivel de captación de recursos, convertendo, segundo o profesor, á Facultade de Química no "primeiro recurso científico-tecnolóxico galego".
