Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| José María Barja, reitor da Universidade da Coruña FOTO: ramón escuredo |
O reitor da Universidade da Coruña (UDC), José María Barja, advertiu onte de que os tres centros galegos parten de "situacións distintas" e que se o plan de financiamento para os próximos anos –que se está negociando– "consolida" estas diferenzas volveranse "escandalosas".
Nunha entrevista a Radio Nacional de España, destacou que é necesario "ser capaces de prever" ingresos e situacións financeiras futuras e "ir buscando aproximacións" entre as universidades galegas. "Non é que teñamos que percibir exactamente o mesmo", matizou.
O reitor da universidade coruñesa considerou que o exposto ata o momento respecto do novo plan de financiamento perpetúa estas diferenzas entre universidades. "O problema é que non se trata só de facer un orzamento para un ano, senón que un plan de financiamento é para un período longo de catro ou cinco anos", expuxo e considerou "difícil" facer previsións económicas nun contexto "tan cambiante".
Neste sentido, indicou que as universidades están á espera de coñecer os datos básicos do Orzamento galego para 2011, pois nas primeiras reunións, mantidas en xullo, aínda non se concretaron. A idea, admitiu Barja, era que o novo plan de financiamento entrase en vigor ó comezar o próximo ano, pero manifestou as súas dúbidas de que isto poida ser así pola dificultade de facer previsións: "Non eran capaces de adiantar o orzamento para 2011 e imos calcular para 2015?. Nin eu nin o meu equipo o vemos claro".
En calquera caso, o reitor coruñés insistiu na necesidade de atender as necesidades de universidades como a da Coruña, que están "por baixo en financiamento". Ata agora "a nivelación non avanzou moito, por non dicir nada". Ó fío diso, recoñeceu que a institución que dirixe é a universidade española con menos financiamento por estudante, un dato "un pouco sorprendente" que lle dá "pena".
"Facemos milagres, nós e case todas as universidades, pero os milagres repetidamente, nin os santos son capaces", advertiu José María Barja, aínda que augurou que "todos" terán no 2011 "menos recursos" que no presente exercicio. "Hai recortes que nalgún caso rozan o límite total", avisou e mostrou a súa disposición a facer sacrificios", como "calquera español", pero destacou que "hai imposibilidades e por iso hai esa preocupación".
Ademais, o reitor da Universide da Coruña sinalou que agora non está en discusión a posibilidade de abrir novas facultades e apuntou, respecto ó debate sobre a titulación de Medicina, que "non está pechado, senón en stand by". En Galicia, dixo, vanse formar anualmente 400 médicos e iso ten "un custo alto e hai que aproveitar os recursos" de que dispón a universidade galega e hainos na Coruña e en Vigo".
Tamén apostou por continuar coa investigación nas universidades galegas, pois na comunidade o 75 por cento das investigacións fanse no ámbito público. "En crise hai que establecer prioridades e o ensino universitario non é un gasto, é un investimento", concluíu.
