Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
Mercedes Brea entra en campaña e faino amosando a súa "fonda preocupación" pola decisión de cambiarlle o nome ó campus sur.
A candidata a reitora da USC e catedrática de Filoloxía Románica criticou onte á tarde nun comunicado o acordo tomado pola Xunta de Goberno da Universidade que cambia a denominación do "Campus Sur" por "Campus Vida", e lamentou que "unha aposta de futuro" da USC quede "reducida a un topónimo".
Segundo explica a candidata, o reitor actual difundiu unha mensaxe entre a comunidade universitaria, que subliña este novo cambio de denominación, que incluiría, ademais, un progresivo cambio de sinalética en todos os soportes nos que é utilizado o nome do Campus Sur.
Brea mostrou "a fonda preocupación" da súa candidatura -aínda que vai como independente, oficiosamente ten o apoio da plataforma que sostén a Senén Barro, a PUP-ante este feito, xa que, aínda que se presenta como un reforzo da condición de Campus de Excelencia Internacional acadada pola USC, "Campus Vida" non se refire a un espazo, senón "a un concepto" vinculado a disciplinas como bioloxía, medicina, farmacia ou enfermería, centros que non están integramente situados no Campus Sur.
Ademais, a filóloga advertiu outras posibles "consecuencias perversas", como que outros centros que si están localizados no Campus Sur se sintan desprazados pola nova denominación, ou mesmo que esta provoque que o Campus Norte pase a ser coñecido, por oposición á nova denominación, como Campus Morte".
Xa que logo, a candidata reclámalles tanto ao equipo de goberno saínte como ao propio Concello deCompostela que "non se precipiten", que non se comprometan en gastos innecesarios" e que "deixen marxe" ao próximo equipo reitoral para que poida consultar con toda a comunidade universitaria a conveniencia dun cambio de topónimo que "algúns preferimos que non se faga".
En termos similares manifestouse onte Casares Long no encontro dixital do Grupo Correo Gallego.A catedrática de Románicas é a segunda en activar a precampaña. logo de que Lourenzo Fernández Prieto comezase xa a semana pasada a debullar o seu programa. Jaime Gómez Márquez, catedrático de Bioquímica farao o luns en Santiago e o martes en Lugo.
Mentres, Juan Varela Durán, catedrático de Anatomía Patolóxica recibiu o xoves o apoio explícito da plataforma Converxencia universitaria.
Fernández Prieto e os estudantes
O catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto avogou, como candidato ao Reitorado da USC, a primar as condicións económicas no acceso ás residencias universitarias e que o rendemento académico garanta a permanencia. Tamén avogou por impulsar unha maior participación do alumnado no goberno de residencias e colexios maiores. Aludiu tamén a outros aspectos como a calidade dos comedores universitario e aos convenios para abaratar o transporte, que serán, segundo dixo, "obxecto de atención para garantir as posibilidades dos mozos con menos recursos".
