Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| A marca dos CAF sobresae nunha manifestación estudantil contra a LOU |
Falar de movemento estudantil en Galicia é dicir Comités Abertos de Facultade. Desde o seu nacemento a principios dos oitenta, os CAF foron artellando unha estrutura de representación e acción dos estudantes na universidade galega que acabou por converterse en marca. “CAF é a marca do movemento estudantil en Galicia. Tras 25 anos só eles permanecen”, en palabras do historiador Lourenzo Fernández Prieto, participante activo da campaña da súa facultade ás primeiras eleccións para representantes das xuntas de facultade-claustro da USC.
Pero teñen algo que ver os orixinais CAF cos actuais Comités?
Fronte ós que hoxe ven os Comités como unha correa de transmisión da corrente upeguista do Bloque e achacan a este feito o debalar da organización, o voceiro nacional dos Comités, Marcos Loureiro, nega que a súa sexa unha organización excluínte, pero pon por diante que quen entre ten que aceptar o seu ideario, que ten o nacionalismo como o seu principal piar “e todo o que iso supón”. E reivindica o seu labor de oposición ó plan Boloña, á selectividade, en defensa da lingua galega ou para acadar un financiamento axeitado.
Durante os seus primeiros dez anos, os CAF foron unha forza moi sólida, “unha grande escola de políticos de esquerda do país”. valora un dos seus “históricos”, Emilio Martínez Rivas. Dirixiron ERGA – Estudantes Revolucionarios Galegos, a organización xuvenil maioritaria entre o crisol de ideoloxías que conviviron nos inicios– Francisco Jorquera, Ánxela Bugallo, Xaquín Fernández Leiceaga ou Xavier Vence. E formaron parte dos CAF Pilar Candocia, unha das primeiras claustrais, Néstor Rego, e, máis recentemente Alba Nogueira ou Luis Villares, o voceiro de Xuíces para a democracia en Galicia.
“Os CAF son un símbolo na historia universitaria de Galicia, como un espazo de socialización de nomes que logo serían clave na política e na vida social galega. Pero non pola sigla, senón porque xeraron unha dinámica de apertura e conexión coa sociedade e representaron os valores emancipadores. Todo o que significou o CAF para o nacionalismo é valiosísimo, sempre que se conciba como un elemento aberto e non restritivo”, di Xaime Subiela, que a mediados dos 90 liderou a grande escisión ó fundar os MEU como resposta ó que se vía como instrumentalización política dos CAF por parte do Bloque.
Ó contrario da organización actual, nas súas orixes os CAF non se definiron como nacionalistas. “O seu espírito de fusión foi a súa fortaleza, que xente de ERGA traballase con xente do comunismo, con grupos cristiáns de base, con independentes...”, valora Emilio Martínez Rivas. A mesma reflexión fai o historiador e xornalista Manuel Martínez Barreiro, un dos claustrais máis votados nas primeiras eleccións e un dos membros que máis artellou os CAF nas súas orixes: “Unha das claves do nacemento dos CAF foi o seu carácter unitario, alén das diferenzas internas. Malia ser o espazo da esquerda e do nacionalismo, nunca o incorpora na súa definición. Había tensións internas, pero traballabamos xuntos. Eu era de Esqueda Galega e, con todo, apoiaba a candidatura de Beiras, do BNG”.
Pero ese espírito inicial de crisol foi cambiando e os CAF foron escorando cara á súa vertente política e na segunda metade dos 90 houbo unha resposta ó que se vía como unha utilización dos CAF por parte dunha parte do Bloque. “Así xurdiu Movemento Estudantil Universitario, como unha reafirmación de independencia e de vocación social. MEU non naceu para ser diferentes dos CAF, senón para ser os CAF de verdade, afirmando a súa autonomía como movemento social de participación e sobre todo de conexión cos estudantes”, lembra o seu responsable Xaime Subiela, que non en van acababa de “militar” na vertente sindical dos CAF no seu labor de servizo ós estudantes en Mancomún.
Pero non xorden da nada, senón que tiñan unha presenza importante no tramado dos CAF. De feito, ó pouco de formarse converteuse na forza maioritaria no claustro, o que puxo de relevo que o espírito de MEU latexaba nos CAF con maior vínculo co alumnado.
“MEU supuxo a morte dos CAF”, reflexiona Martínez Rivas, “pero ó final, esta escisión foi negativa para o movemento estudantil de esquerdas, no sentido de que MEU acabou por desaparecer e hoxe os Comités perderon capacidade de representación, ó verse como o brazo estudantil do BNG e atraer só xente desta militancia política”.
O ocaso de MEU produciuse no ano 2001, por causas que o propio Subiela achaca á “lei de ferro que preconiza a dificultade de pervivencia das organizacións estudiantís se non teñen un vínculo con algunha asociación adulta. Os estudantes marchan da facultade e é moi difícil pasar a remuda”. MEU tiña moita forza coa pulsión inicial e tivo certa capacidade de remuda nun primeiro momento –de feito prevaleceu entre os anos 94 ó 98–, pero esvaeuse precisamente pola súa independencia. Pola contra, “esa vinculación co partido foi o que fixo pervivir os CAF ata agora. Houbo un momento en que funcionaban en stand by, pero tiñan a achega de xente vinculada co Bloque”.
Ó ver de Subiela os actuais Comités representan todo o que fixo nacer o MEU. “Parecen a versión universitaria do BNG concibido de forma estreita. Isto viuse claramente cando non apoiaron o candidato de Universidade Aberta, Fernández Prieto, a reitor, a candidatura máis semellante ó que defenden eles, algo inconcibible desde a perspectiva dos CAF orixinais. Isto interprétase como que o candidato non era dos seus”.
Ante este dominio da UPG, estase xestando unha segunda escición nos Comités por parte de militantes na órbita da corrente de Carlos Aymerich, Máis Galiza. O nome, tamén MEU. “Habería que ver cal é o espírito, se só queren ser outra corrente estudantil do BNG ou ir máis aló e recoller o espírito do orixinal MEU” pregunta outra histórica dos CAF, Socorro Fernández Holguín, alma mater de Mancomun, ex decana de Psicoloxía e membro do equipo de Lourenzo Fenández Prieto á candidatura a reitor.
Lourenzo Fernández Prieto. "O paso do tempo é implacable e tras 25 anos, os CAF orixinarios e os actuais non teñen nada que ver, nin sequera se chaman igual. A vontade de loita consérvana, pero perderon moita influencia e, sobre todo, moita capacidade de construción Nas orixes eran un grupo moi dimensionado, agora están algo desfigurados"
Manuel Martínez Barreiro. "O movemento estudantil non ten hoxe a solidez nin a capacidade de mobilización dos inicios. As fórmulas que están moi identificadas cunha forza política teñen menos atractivo. Por iso os CAF son unha referencia, pero minoritaria, porque se identifica cunha opción política e isto lastra a participación estudantil".
Emilio Martínez Rivas. "Hoxe non percibo que haxa movemento estudantil. As cifras de participación son moi baixas, moi lonxe do 30% que chegou a haber na Facultade de Económicas. Os Comités non presentan a heteroxeneidade dos inicios e está moi limitada na capacidade de influencia e de compromiso. Con MEU morreron os CAF".
Marcos Loureiro. "A pluralidade dos Comités non se pode cuestionar. Aceptámola calquera persoa de calquera militancia, pero somos herdeiros de ERGA e declarámonos nacionalistas, con todo o que iso implica, e non se pode ir en contra das liñas programáticas da organización. Ós Comités quédanlle moitos anos e moita forza".
