Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
As webs das tres universidades galegas atópanse na parte baixa do ránking de 500 institucións de educación superior que acaba de actualizar o Laboratorio de Cibermetría do Consello Superior de Investigacións Científicas, CSIC, de entre unha mostra de 12.000 institucións . A primeira en aparecer é a UVigo, no posto 380, baixando desde o 362 que tiña no mes de xaneiro. As outras dúas escalan posicións desde a análise de hai seis meses. Así, a USC sobe ó 383 (o 400 en xaneiro) e a UDC escala desde o 527 ó 451. As galegas están nos postos 18, 19 e 24, respectivamente na listaxe nacional.
Ningunha universidade española se atopa entre as cen mellores do mundo neste ránking de páxinas web. España sitúa, iso si, dúas universidades no top 200: a Complutense de Madrid, que aparece no posto 147, e a Politécnica de Madrid, no 184. E 27 entre a lista de 500 publicada estes días.
Os primeiros postos do ránking glogal corresponde, unha vez máis a institucións estadounidenses: Harvard, o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) e a Universidade de Stanford ocupan o podium, seguida do campus de Berkeley.
A primeira europea volve ser Cambridge, no posto 22, seguida desta volta polo Swiss Federal Institute of Technology ETH Zürich, no posto 40, e mais Oxford, no 41.
Este ránking, que se publica desde o ano 2004, ten unha periodidicade semestral e mide a presenza web dos centros de estudos superiores co obxectivo de analizar a actividade e visibilidade das institucións e determinar o impacto e prestixio destas.
"A posición no ránking resume o rendemento global da Universidade en docencia, investigacióne transferencia, achega información para estudantes ou profesores e reflicte o compromiso académico coa diseminación do coñecemento científico", en palabras do responsable do Laboratorio de Cibermetría, Isidro Aguillo, cando deu os datos de xaneiro.
Ó seu ver, "o futuro de todas as universidades do mundo pasa pola capacidade de atraer estudantes estranxeiros. Segundo datos da OCDE existen 3 millóns de estudantes movéndose entre as universidades. E a páxina web é o escaparate a través do cal a universidade pode vender a súa capacidade de docencia, investigación e servizos paa a comunidade para atraelos". A importancia da web fai que mesmo substitúa as revistas como medio para publicar as investigacións.
Os parámetros que analiza o informe son o tamaño, que mide a cantidade de páxinas que conforman as sedes web das institucións e dá unha idea da capacidade destas para producir contidos; a visibilidade conta o número de enlaces que reciben as universidade, o que permite coñecer o impacto académicoa destas; e a ferramentea de Google Académico, unha fonte bibliográfica de información científica para avaliar o rendemento de investigación.
CSIC, o centro de investigación 19
O Laboratorio de Cibermetría publica tamén un ránking dos 4.000 centros de investigación do mundo, no que o Consello Superior de Investigacións Científicas ocupa o 19 dunha lista encabezada polos Institutos de Saúde de EEUU, a Axencia Espacial Norteamericana, o Consorcio World Wide Web estadounidense e o CNRS francés. A Red Iris aparece no posto 74 e o Instituto de Saúde Carlos III no 104. No ranquin interno do sobre as webs dos 135 centros do CSIC, o o Instituto de Investigacións Mariñas (Vigo) ocupa o posto 10 de 135 e a Unidade de Tecnoloxía Mariña (Vigo) o 40. O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC- XuGa, Santiago) sitúase en 96, seguido da Misión Biolóxica de Galicia (Pontevedra) no 107 e o Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (Santiago) no 115.
