Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| Pola esquerda, José Mª Castellano, Montserrat Vendrell, Joan Rodés, Torsten Wiesel e Senén Barro na reunión do comité asesor internacional FOTO: FERNANDO BLANCO |
"Non teño dúbida que Campus Vida será o instrumento que axude á formación de estudantes, pero tamén ao desenvolvemento de Galicia creando outras empresas ao seu redor e novos postos de traballo", asegurou onte o Premio Nobel de Medicina Torsten Wiesel tras visitar o biocampus compostelán distinguido co selo de Escelencia Internacional, que o Nobel comparou mesmo con Silicon Valley, Harvard ou Boston.
O Comité Asesor Internacional de Campus Vida reuniuse por vez primeira este xoves en Compostela co fin de estudar os avances do proxecto e achegar recomendacións de mellora. Amais de Wiesel, asistiron o presidente de Ono, José María Castellano; a directora do Cluster Biotecnolóxico de Cataluña BioCat, Montserrat Vendrell, e o Premio Nacional de Investigación Joan Rodés.
Logo de reunirse cos axentes implicados e facer un percorrido polas instalacións de Campus Vida, os expertos coincidiron na importancia que a iniciativa terá para Galicia e puxeron de manifesto a capacidade do proxecto para atraer non só novos investigadores senón tamén -engadiu Torsten nun encontro cos medios de comunicación- "aos galegos e españois que marcharon fóra".
Tamén Monserrat Vendrell definiu o proxecto como "aposta estratéxica ambiciosa" e"clave para o desenvolvemento da comunidade". Trátase, dixo, dunha iniciativa apoiada en piares "básicos e innovadores" como a necesidade de talento formado, alianzas estratéxicas co contorno e con outros países ou rexións ou unha rede de centros de investigación cun desenvolvemento vertical "que foxe da estrutura clásica dos departamentos universitarios".
Para Rodés en Campus Vida existe unha rede de institutos de investigación, tanto básica como aplicada, dedicados á biomedicina "similar ás mellores de Europa", cunha "estrutura moderna e con visión de futuro tamén na súa xestión". Pero Campus Vida, engadiu, pensou ademais na empresa, "a academia ao lado da empresa e viceversa", o que facilita "que a investigación repercuta na sociedade".
Neste punto incidiu Castellano, catedrático da Universidade da Coruña, para quen se fai necesario involucrar "a academia, o sector privado e o público" nun proxecto "emblemático para Galicia e multiplicador de emprego de calidade" (o presidente de Ono asegurou que en cinco anos Campus Vida suporá o emprego directo de 1.000 persoas cualificadas).
Outro punto clave no que todos fixeron fincapé foi o reclamo dun maior apoio institucional, nomeadamente dos gobernos español e galego pero sobre todo deste último, para completar todos os obxectivos de Campus Vida. Así, sinalaron a necesidade de volver a pór en marcha un programa para atraer talentos e maiores recursos para grandes infraestruturas e para desenvolver algunhas partes do proxecto que non poden avanzar só cos recursos captados pola Universidade.
O exemplo catalán para buscar colaboración da privada
Montserrat Vendrell, directora de Biocat e membro do comité asesor internacional de Campus Vida, abrirá hoxe as xornadas "Estratexias de Innovación e Valorización" que se van celebrar no Salón de Actos do edificio CIBUS (Campus Sur, fronte á Facultade de Bioloxía). O encontro ofrece a oportunidade de coñecer de primeira man a opinión de expertos en estratexias de innovación e busca de novas vías de colaboración entre o sector público e o privado.
Ás 10:45 horas, Vendrell tomará como referencia o caso de Biocat, a Biorexión de Cataluña, para ilustrar o proceso de creación e impulso dun bioclúster. Con máis de dez anos de experiencia en investigación en biomedicina e biotecnoloxía en distintas institucións internacionais, Vendrell formou parte do grupo de expertos representantes das empresas, centros de investigación e administración pública que desenvolveu o plan estratéxico de Biocat, cuxos obxectivos inclúen a promoción das empresas biotecnolóxicas, biomédicas e de tecnoloxías médicas e dos centros de investigación a través da implantación de programas específicos, facilitándolles acceso a financiamento, talento e internacionalización.
A Montserrat Vendrell seguiralle un relatorio sobre a xestión integral de patentes e transferencia no Centro de Investigación Médica Aplicada (CIMA) da Universidade de Navarra a cargo de Pablo Ortiz, director xeral de Digna Biotech, unha empresa biotecnolóxica orientada ao desenvolvemento e explotación dos produtos de investigación xerados no CIMA. O obxectivo de Digna é o desenvolvemento de estudos preclínicos e ensaios clínicos así como o proceso de documentación dos produtos existentes para facilitar acordos de licenza con compañías comerciais do sector.
Atraer talento e boa xestión
Atraer talento, un bo sistema de goberno a transferencia de coñecemento e a creación dunha superestrutura de coordinación sobre os centros singulares de investigación, os consellos.
Torsten Wiesel
"Campus Vida é un dos proxectos máis creativos e imaxinativos que vin en biomedicina. Non teño dúbida de que axudará ó desenvolvemento de Galicia, creando empresas e emprego"
"Hai que axudar os investigadores máis novos. Este proxecto é esperanzador neste eido, xa que pode atraer científicos galegos e españois que están fóra e desexan volver á Universidade de Santiago".
Juan Rodés
"Santiago debería estar de festa. Campus vida pensou, ademais, na academia a carón da empresa e viceversa, estratexia que facilita que a investigación repercuta na sociedade"
